A Fábrica retoma as súas catas de viños
A Fábrica de Santa Cristina retoma o vindeiro xoves 5 de novembro o seu programa de catas guiadas cunha degustación dunha serie de caldos de primeiro nivel procedentes do continente americano: un branco de Arxentina e dous tintos de Chile e California.
A degustación guiaraa o catador José Dopazo, membro catador do Consello Regulador Rías Baixas e da Asociación de Catadoras de Galicia. Dopazo foi tamén catador e xurado en múltiples premios, tales como o Albariño de Cambados, o Bacchus, Viños e Augardentes de Galicia, a Cata dos Deliciosos de Salvaterra do Miño ou os Premios Zarciño ou a Guía de Viños e Destilados de Galicia.
As catas continuarán o 26 de novembro, esta vez con viños galegos procedentes da Adega Viña Nora, na que nos acompañará a enóloga da adega, Susana Pérez Cadrado.
As catas celébranse na Fábrica de Santa Cristina de 20:00 a 21:30 e teñen un prezo por asistente de 9 €, sendo necesaria reserva.
Trátase doutra iniciativa do destacado restaurante de Santa Cristina que, desde que foi asumido polo Grupo Carpe Diem, quixo renovar o proxecto cunha aposta pola profesionalización do equipo, a orientación ao cliente, a cociña de calidade e, sobre todo, a aposta de crear un espazo de innovación gastronómica para todos os públicos.











