publicidade hoxe

A EVEGA organiza unha xornada sobre viticultura de precisión en Monforte de Lemos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), dependente da Consellería do Medio Rural, organiza o vindeiro xoves en Monforte de Lemos a xornada “Na procura do equilibrio entre solo, clima e planta. Viticultura de precisión”. Esta iniciativa ten coma obxectivo estudar o conxunto de técnicas que, con base nos coñecementos dos factores que inflúen no cultivo e manexo da vide, permita a obtención dun produto de calidade cuxas características particulares se manteñan no tempo.

A xornada, que se celebrará no centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos, conta coa colaboración do Consello Regulador Denominación de Orixe Ribeira Sacra e do Instituto Galego da Calidade Alimentaria (INGACAL). Está dirixida ao público interesado e especialmente a viticultores, adegueiros, enólogos, persoal técnico das adegas e dos consellos reguladores, persoal investigador interesado no tema e estudantes.

No programa desta iniciativa abordaranse aspectos como as tendencias tecnolóxicas aplicables ao cultivo do viñedo, as vantaxes do seu uso e a súa utilidade na toma de decisións máis axeitada cara a obtención dun produto diferenciado. Contará coa participación de expertos do Instituto Tecnolóxico Agrario de Castela e León, a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia, a empresa Monet Viticultura e a Universidade de Vigo. As xornadas pecharanse cunha mesa redonda onde as adegas galegas Martín Códax, Viña Costeira e Vía Romana relatarán as súas experiencias.

Esta acción está cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) e con ela búscase dar a coñecer as ferramentas actuais coas que pode contar o viticultor para acadar un mellor resultado no cultivo do viñedo.

13 de outubro de 2015 | 14:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.