A especialización do campus de Ferrol favorecerá unha transferencia directa da investigación ás empresas da comarca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Xosé Luís Armesto, asinaron hoxe un convenio de colaboración para poñer en marcha o Campus Industrial de Ferrol, enmarcado dentro da estratexia de especialización dos campus de Galicia na que a Xunta vén insistindo nos últimos anos e que agora se recolle como un dos motores fundamentais da modernización universitaria dentro do novo Plan de financiamento.

Neste sentido, o titular do departamento educativo do Executivo galego definiu esta especialización como “a mellor fórmula para transferir dun xeito directo a investigación universitaria ao tecido empresarial de cada zona”. Deste xeito, esta aposta por dotar de identidade propia ao Campus de Ferrol permitirá que universidade e sector produtivo estean en permanente contacto, fomentando así a construción de proxectos singulares para mellorar a súa competitividade a nivel global.

Tal e como destacou Román Rodríguez, “a universidade debe estar imbricada coa sociedade, e o convenio que hoxe asinamos é un bo exemplo deste compromiso co sector industrial de Ferrol e, nomeadamente, co naval”, remarcou. Pero ademais deste eido, incidirase na potenciación do coñecemento arredor das diferentes ramas das enxeñarías para aplicalo ao desenvolvemento social, económico e persoal.

Por tanto, ao abeiro deste convenio –que comeza a súa andaina cunha achega da Consellería de 100.000 euros destinada á elaboración do Plan estratéxico e do Programa de necesidades funcionais– búscase fomentar a colaboración interdisciplinar para definir unha visión común en torno á enxeñaría, co fin de incrementar os niveis de calidade na formación, na investigación e na transferencia.

Oferta formativa innovadora e adaptada ao contorno

A maiores, con este proxecto tamén se persegue mellorar a relación con sectores económicos e sociais para detectar os seus intereses ou preocupacións; fortalecer as relacións e as alianzas estratéxicas coas empresas e industrias, fomentando sobre todo a investigación e a transferencia do coñecemento científico; impulsar a captación, retención e desenvolvemento do talento; e deseñar unha oferta formativa de grao e máster especializada, innovadora e con perfís profesionais adaptados á súa contorna.

Todo isto permitirá afondar na internacionalización, na competitividade e na investigación de cara a acadar a excelencia científica, que é o obxectivo último que persegue o Plan galego de investigación, innovación e crecemento.

Experiencias de éxito

Deste xeito, Román Rodríguez lembrou o éxito acadado nos campus de excelencia internacional –o Campus Vida en Santiago ou o Campus Mar en Vigo–, que animou a Galicia a optar pola especialización dos periféricos. Froito desta aposta naceu o Campus Auga da Universidade de Vigo en Ourense ou o proxecto do Campus Terra en Lugo, que está en pleno desenvolvemento.

O obxectivo da especialización destes campus periféricos das universidades galegas é impulsar a actividade investigadora arredor dos sectores máis potentes da economía galega e dos eidos académicos con máis prestixio do Sistema Universitario de Galicia (SUG). O que se pretende, en definitiva, é favorecer a transferencia do coñecemento universitario ao tecido empresarial e, en última instancia, á sociedade; ao tempo que se impulsa a creación e promoción dos nosos campus como polos de referencia de I+D+i en sectores fundamentais para a nosa economía como poden ser o naval, o termalismo ou a agricultura e gandería.

2 de outubro de 2015 | 18:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.