publicidade hoxe

A escola infantil A Rolada de San Sadurniño pecha unha semana dedicada por enteiro ao Samaín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Meigas, pantasmas, esqueletos e ducias de calacús encheron hoxe as aulas da escola infantil municipal A Rolada como punto e final a unha semana de preparativos para o Samaín. As mestras e a cativería levaban varios días baleirando cabazas, recurtando morcegos e outras figuras de espanto co obxectivo de meterse de cheo e aprender sobre unha celebración autóctona que tenta arrepoñerse con escaso éxito aos envites procedentes da cultura anglosaxona.

Desde o luns a escola foi converténdose pouco a pouco nunha especie de pasaxe da risa máis que do terror, engalanada por todos os recunchos con estampas alusivas ao outono e, especialmente, á grande festa coa que, segundo se cre, as xeracións do pasado finalizaban a época da colleita e lle daban a benvida a unha nova estación.

Porén, na Rolada estes días non só quedaron en labores de tesoura e pegamento de barra, senón que tamén levaron implícito un traballo introdutorio á tradición con actividades adaptadas a cada grupo de idade. Así, os nenos e nenas puideron familiarizarse coa textura fresca e pegañenta do interior das cabazas e melóns, convertendo nun xogo a extracción da polpa e a procura das prezadas pebidas para amosalas como auténticos tesouros. Este labor desenvolveuse coa axuda das mamás e papás, de maneira que a actividade educativa tivo a súa continuación na casa.

En resume, xogar e aprender mediante o descubrimento guiado. Pero nos últimos días tamén se buscou que as crianzas lle perdesen o medo ao descoñecido e á iconografía do Samaín, caracterizada por obxectos e formas que, en principio, poderían causarlles rexeitamento. Algo que o equipo docente sabía de antemán e razón pola que as mestras foron moi coidadosas á hora de elixir os deseños decorativos e á hora de canalizar o medo como unha sensación que os pequenos poden e deben experimentar con normalidade.

Ademais de preparar cabazas e a decoración, a cativería levou para a casa un vaso personalizado cheo de castañas asadas no forno da panadería O Inxerto doadas por unha das familias usuarias. Dependendo do grupo de idade houbo máis agasallos: para o grupo de menor idade unha pantasma feita en cartolina e para o de maiores -2 a 3 anos- unha cantiga sobre o Samaín.

Na escola infantil municipal A Rolada hai matriculados neste curso un total de 23 nenos e nenas, 7 na unidade agrupada de 0 a 2 anos e 16 na de 2 a 3. 

Este sábado, magosto en Naraío

O Castelo de Narahío volve organizar unha das citas inexcusables do seu calendario: o Magosto/Samaín, co que tentan reivindicar a orixe propia dunha celebración que a piques estivo de desaparecer en Galicia e que agora corre o risco de quedar asolagada polas modas culturais provenientes da outra banda do Atlántico. 

A proposta de O Castelo comeza ás 18.00h. coa chegada dos nenos e nenas -e tamén maiores- coas súas cabazas e melóns para participaren nunha exposición que, de sempre, é un mosaico de imaxinación e creatividade. Sobre as 18.30h. subirá ao escenario do local social da Veiga o mago Martín Camiña, que ofrecerá un espectáculo sorprendente no que repasa números clásicos do ilusionismo e outros de creación propia. Cando remate a actuación -se o tempo acompaña- partirá do recinto a tradicional procesión das ánimas que percorre parte dos camiños da parroquia deixando en silveiras e cruceiros as terroríficas cabazas elaboradas pola cativería. Na marcha a procesión irá acompañada de pantasmas e da música das escolas de gaita e percusión.

Xa de volta, a iso das 20.30-21.00h. a mesa xa estará lista para degustar de balde castañas, sopa de melón e papas de millo. Unha cuchipanda que estará animada pola charanga Os Campantes da Baña e que continuará ata ben entrada a madrugada cunha repichoca popular aberta a calquera que teña ansia de tocar a gaita, o tambor, o bombo, o acordeón ou calquera outro instrumento que teña pola casa.

En relación co Samaín cómpre lembrar que a Biblioteca municipal ofrecerá este sábado pola mañá un obradoiro de decoración da sala de lectura con cabazas, morcegos e meigas. O obradoiro vai dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos.

Rally Rías Altas de históricos

A cita coa tradición en Naraío cadrará co paso pola parroquia de dous dos tramos cronometrados do Rally Rías altas para vehículos históricos. A competición é puntuable para os campionatos estatais de velocidade e regularidade, polo que se rexerá polas mesmas normas de seguridade que calquera outro rally. De aí que durante a tarde do sábado estea cortada a circulación nas pistas que unen O Roxal e O Eirexado vindo por Formariz, Quintiá e Lourido. 

Os accesos principais ao local social da Veiga non se verán afectados como ocorreu en xuño co paso do Rally de Narón. Aínda así, desde O Castelo de Narahío recomendan ter precaución no acceso á parroquia desde Liñares, xa que a pista coñecida como Camiño novo ou de Cabanas é a vía pola que sairán os vehículos do rally tras percorrer en dúas ocasións o tramo denominado “O Roxal-Naraío”.

30 de outubro de 2015 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.