publicidade hoxe

A Escola de Música de Touro mantén aberta a súa matrícula até o 10 de outubro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTouro
A-
A+

A Escola de Música do Concello de Touro, vinculada á Banda de Música Isabel II de Touro, mantén aberta a súa matrícula para a incorporación de novos alumnos e alumnas até o vindeiro sábado, 10 de outubro. A Escola de Música do Concello de Touro, que imparte as clases nas súas propias aulas no CPI Fonte Díaz, pretende, unha vez pechada a matrícula, organizar o novo curso musical. E tamén fai fincapé na posibilidade de incorporar a novos alumnos ao longo do curso. Os responsables da Escola de Música de Touro animan aos mozos do Concello a coñecer e interesarse polo mundo da música.

A Escola de Música do Concello de Touro, vinculada á Banda Isabel II de Touro, conta cuns 20 alumnos que nutren a formación musical. O novo director da Escola e da Banda de Música de Touro é Ramón Fernando López Couso, que tomou posesión en setembro en substitución do anterior director, José Lodeiro Xesto. O novo responsable dirixe a Banda de Música de Calo e é profesor do Conservatorio de Noia. Os músicos que comezan a sentir a afección en Touro, e que tamén proceden de concellos limítrofes, continúan os seus estudos nos conservatorios de Santiago de Compostela, Arzúa e Melide.

Os responsables da Escola de Música do Concello de Touro e da Banda Isabel II lembran que a música forma parte do labor educativo do Concello de Touro. E aseguran que a formación en materia musical está ao alcance de todos os veciños de Touro. 

7 de outubro de 2015 | 19:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.