A entrega e a intensidade celeste quedaron sen premio no Palau

Encontro Barcelona – Santiago Futsal
Comezou o encontro no Palau Blaugrana con dominio local, un FC Barcelona Lassa que movía o balón en media pista e que buscaba finalizar accións elaboradas a través de Lozano e Batería, os xogadores que maior perigo crearon na portería visitante nos primeiros minutos.
Pero as ocasións tamén chegarían para o conxunto celeste. Diego Quintela puido adiantar aos seus no minuto 5 nun balón morto dentro da área que non acertou a rematar. Tras unha sucesión de ocasións para ambos os conxuntos, o pivote de Arzúa non perdoaría nun tiro exterior desde a frontal da área que batería a Paco Sedano por alto para facer o 0-1.
Ata en 3 ocasións atopáronse os blaugranas cos paus, que non conseguían igualar o marcador. Con todo, nunha acción á contra, e para xúbilo do equipo celeste, Diego Quintela distanciaría aos de Santiago co 0-2 no minuto 17.
Coa distancia de dous goles no marcador, os locais lograron encerrar aos galegos en defensa e nun balón rebotado que favoreceu ao remate de Dyego, o xogador blaugrana lograría o 1-2 un minuto antes do descanso.
Tras a continuación, e cando transcorrese só un minuto da segunda parte, os árbitros pitarían penati favorable a FC Barcelona Lassa que Lozano convertería no empate 2-2.
Volverían gozar dunha clara ocasión de gol os celestes nunha combinación entre Antonio e Diego Quintela, pero o pivote non acertou no remate e o seu disparo marchouse fóra.
Os visitantes, empregándose a fondo en defensa, frearían as acometidas dos blaugranas, quen, por medio de Ferrao, volveron atoparse cos paus da portería defendida por Iker López; ou co meta madrileño, cunha actuación excelente na noite de hoxe.
A pesar da intensidade e á garra dos celestes durante todo o encontro, o gol de Aicardo no minuto 36 que daría a volta ao marcador inicial e poñía o 3-2 para os locais, sería un xerro de auga fría para os celestes, que estaban a manter un gran nivel ante un duro rival.
Santi Valladarares apostaría por saír con porteiro xogador os últimos minutos de partido, pero tras a expulsión de Dani Montes polo segundo cartón amarelo, chegaría o cuarto gol do FC Barcelona, nun contra que materializou Lozano no 4-2, e co que se chegaría ao final do partido.











