A dirección do CHUO traslada a súa disposición ao diálogo para evitar a folga convocada para o 13
A dirección do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) fixo pública a súa “plena disposición” ao diálogo para “evitar” a folga convocada polos sindicatos CEMS e O’MEGA para o próximo día 13 de outubro e que o paro afecte á “actividade asistencial” e, especialmente, aos pacientes.
Así o destacou nun comunicado remitido aos medios este venres e despois de que estes sindicatos, unidos en coalición, convocasen unha folga tras “esgotar os reiterados intentos” de “chegar a acordos que solucionasen a situación” laboral e “ante a nula resposta decidida” pola administración sanitaria.
“A pesar de non recibir até este momento a convocatoria, esta dirección desexa facer público que lamenta o conflito xurdido ante a discrepancia pola cobertura das gardas dun colectivo concreto”, sinala a dirección.
Neste sentido, asegura que sobre esta cuestión déronse “cumpridas e extensas explicacións” e lamenta que se pretenda estender agora a aspectos que nin tan sequera se chegaron a abordar nas comisións de centro, ou mesmo sobre os que existe un compromiso previo de acordo”.
“As portas para o diálogo están plenamente abertas, tanto para os sindicatos convocantes como para o conxunto de profesionais”, sinala a dirección que avanza que o vindeiro martes se reunirá cos responsables de servizo e sección para coñecer, de primeira man, as súas opinións.











