A Deputación de Pontevedra mellora a seguranza viaria e a sinalización na estrada de acceso ao CUVI

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraVigo
A-
A+

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, asinou hoxe a orde de contratación pola que a Deputación de Pontevedra mellorará a sinalización na estrada ao campus da Universidade de Vigo (CUVI). A actuación permitirá mellorar a seguranza viaria e a mobilidade dos máis de 5.000 vehículos que, de media, circulan cada día por esa estrada, cifra que aumenta considerablemente nos días laborables debido a que é o principal acceso ás diferentes facultades do campus.

A Universidade de Vigo trasladáralle á Deputación a súa solicitude para realizar melloras na vía debido ao mal estado da sinalización vertical e horizontal e aos problemas de visibilidade que se dan durante a noite e en momentos de néboa densa, bastante habituais na zona durante o inverno. “A actuación era moi necesaria debido a que nos últimos anos non se realizara ningún tipo de acondicionamento da vía”, explicou o deputado.

O proxecto asinado onte por Uxío Benítez ten un orzamento de 99.319 euros e prevese que estea executado en dous meses logo da súa adxudicación e do levantamento da acta de replanteo dos traballos. A actuación consistirá na substitución dos sinais verticais deteriorados e a instalación doutros novos de reforzo (tanto de seguranza viaria coma de localización), ademais de no pintado de bandas transversais continuas sonoras reflectantes nos laterais da estrada. Estes elementos, xunto cos captafaros reflectantes pegados ao asfalto (coñecidos como “ollos de gato”), permitirán marcar correctamente o trazado da vía e evitar que os condutores saian da calzada.

Por outra banda, tamén está previsto cambiar as barreiras de seguridade laterais acoplándolles proteccións para motoristas (dobre banda) coa finalidade de mellorar a seguranza viaria da estrada nas zonas de desniveis e de curvas.

O deputado de Mobilidade lembrou hoxe que a seguranza viaria será un dos eixos do traballo prioritarios do departamento de Infraestruturas da Deputación á hora de actuar na rede de estradas provinciais neste mandato.

30 de outubro de 2015 | 19:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.