A Deputación de Pontevedra anuncia unha nova fase do plan de compostaxe para mediados do próximo ano
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, anunciou hoxe a posibilidade real de que a mediados do próximo ano se poña en marcha unha segunda fase do Plan Compost para que os concellos instalen centros comunitarios de compostaxe e repartan entre os seus veciños composteiros individuais.
Mosquera explicou que hai unha grande demanda por parte de moitos gobernos locais na provincia. De feito, indicou que se se chegasen a aceptar tódalas solicitudes das que se ten coñecemento informal, os composteiros que prevé repartir a Deputación nesta primeira fase (450 módulos para entre 75-100 instalacións colectivas) non chegarían para máis de tres concellos.
Neste sentido, subliñou que en breve se farán públicas as bases para que cada municipio presente o proxecto de viabilidade para os centros de compostaxe comunitaria que precisa. A Deputación seleccionará aqueles nos que se demostre un maior compromiso dos axentes sociais (asociacións de veciños, comunidades de montes, colectivos…) para ter garantías de funcionamento. Nunha fase posterior os requisitos para conseguir instalacións comunitarias poderían variar relativamente. “Se é necesario acelerarase o proceso, e se dentro de oito meses temos que mercar outros 500 módulos máis, pois farase. O noso obxectivo era chegar coa compostaxe a 240.000 habitantes no mandato. Se o conseguimos en dous anos por unha grande implicación e interese, estupendo”, apuntou.
O vicepresidente explicou tamén que o prego para mercar os módulos das primeiras instalacións será aprobado a semana entrante, polo que a licitación será inmediata e se poderá cumprir o prazo de febreiro de 2016 como data na que a cidadanía poderá empezar a compostar.
Por outra banda, César Mosquera tamén deu a coñecer as cifras que demostran o grande interese por participar na convocatoria das bolsas para mestre composteiro. Sinalou que só serán 20 os seleccionados para participar no curso de formación tras un test eliminatorio de 100 preguntas e que, xa no día de onte -primeiro para que os aspirantes se anotasen-, se presentaron 173 presincricións a través da páxina web da Deputación. “Alegrámonos desta demanda enorme, porque suponse que os que pasen as probas terán a mellor cualificación, pero de seguir a este ritmo imos ter un problema de loxística porque non haberá local amplo en Pontevedra para facer as probas do exame”, sinalou.
Viaxe a Milan e a Roma
Seguindo co plan de compostaxe, Mosquera tamén anunciou unha visita técnica ao concello de Milán, co fin de coñecer in situ o traballo de compostaxe feito nesa cidade italiana -de 1,3 millóns de habitantes- e o seu sistema de recollida porta a porta e ver a súa posible aplicación nas vilas de maiores dimensións da provincia. “Logo de ir a Navarra tiñamos na recámara a posibilidade de ir a algún lugar de referencia na reciclaxe e na reutilización”, explicou.
Engadiu que a expedición, que nesta ocasión se fará a pequena escala -sen levar representantes municipais- se fará aproveitando a viaxe a Roma para participar no congreso ‘A autonomía é saúde. A autonomía do movemento dos nenos, unha necesidade para eles, un recurso para a escola e a cidade’ o vindeiro 23 de novembro, no que Mosquera participará como poñente convidado directamente por Francesco Tonucci. Nese encontro o nacionalista pontevedrés destacará o traballo feito en materia de mobilidade no concello de Pontevedra e que se espera levar a outros municipios da provincia.











