A Deputación de Pontevedra amplía a subvención do servizo de axuda no fogar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Os concellos da provincia de Pontevedra de menos de 20.000 habitantes poderán solicitar, a partir de mañá e ata o venres 16 de outubro, unha ampliación da subvención destinada a reforzar o servizo de axuda no fogar durante o ano 2015. A ampliación desta liña de axudas, que acaba de ser aprobada pola Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra, permitiralles ás entidades locais seguir ofrecéndolles atención no seu propio domicilio ás persoas e unidades familiares que o precisen.

A deputada provincial de Benestar Social, Eva Vilaverde, considera necesaria esta ampliación ante “as crecentes demandas procedentes dos concellos, que nalgúns casos non podían atender solicitudes de urxencia e nos peores tiñan que proceder a dar de baixa a usuarias e usuarios”.

Eva Vilaverde asegura que “este progresivo aumento das necesidades de atención é lóxico tendo en conta a realidade social dos concellos, maioritariamente rurais, illados e cada vez máis avellentados, sobre todo os do interior”. Debido a esta situación “a Deputación está obrigada, legal e eticamente, a cubrir esta urxencia social ante as limitacións de recursos impostas ós concellos por parte das administracións superiores”, engadiu a deputada.

O modelo de formulario de solicitude desta convocatoria está a disposición dos concellos na páxina web da Deputación; as solicitudes poden presentarse tanto no Rexistro xeral do ente provincial coma en calquera das oficinas de rexistro locais.

Mediante esta liña de axuda subvenciónanse os gastos de retribucións de Seguridade Social do persoal auxiliar do servizo de axuda no fogar, así como o gasto do material propio do servizo, coma luvas, batas, pixamas e zocas. Este servizo pode xestionarse directamente ou mediante algunha das formas previstas na lexislación de contratos do sector público.

O importe da transferencia ós concellos determínase establecendo unha contía máxima de 2.358,49 euros para cada un dos 53 concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. No caso de que o número de solicitudes non cubra as cantidades máximas ofertadas a subvención repartiríase equitativamente entre todos os solicitantes ata chegar, como máximo, á contía reflectida no formulario de solicitude.

5 de outubro de 2015 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.