A Deputación da Coruña mostra a súa preocupación polo incremento de asasinatos a mulleres

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Membros do goberno e persoal da Deputación da Coruña gardaron un minuto de silencio diante da sede institucional en sinal de condena polo crime machista acontecido en Pontesampaio o pasado sábado. Desde o goberno mostraron a súa preocupación polo incremento de casos de feminicidio.

Coa presencia do presidente, Valentín Formoso e a vicepresidenta, Goretti Sanmartín, membros do goberno e persoal da Deputación gardaron un minuto de silencio ás portas da sede no Pazo Provincial en sinal de condena polo asasinato de Concepción Reguera Peón o pasado sábado na localidade de Pontesampaio.

A responsábel da área Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade e de Xénero, Ánxela Franco, trasladou a preocupación do goberno polo incremento de asasinatos por violencia de xénero e falou dun “feminicidio contra o que se ten que activar a sociedade enteira, as institucións e tamén toda a cidadanía”. Defendeu o papel de relevancia que teñen que desenvolver as institucións públicas á hora de promover a conciencia social que erradique o machismo, “causa destes asasinatos en que se acaba coa vida de mulleres que, como todo apunta que é este caso, queren liberarse e decidir por si mesmas. O machismo que somete as mulleres é a razón deste feminicidio”.

26 de outubro de 2015 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.