A Deputación da Coruña e empresarios de Agrela analizan liñas de colaboración
O titular da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu esta mañá no seu despacho da institución provincial ao presidente da Asociación de Empresarios de Agrela, Javier González Sampedro, e á xerente da entidade empresarial, Teresa Firvida. Na reunión participu tamén o deputado responsable da área de Promoción Económica e Emprego, José Luis García.
Durante o encontro analizáronse as diversas liñas de colaboración que dende hai anos manteñen ambas entidades e o representante dos empresarios informou ao presidente provincial dalgúns dos proxectos que a asociación está levando a cabo para a potenciación deste polígono industrial, o máis antigo de Galicia, que conta con máis de 600 empresas instaladas na actualidade, xerando emprego directo a máis de 20.000 traballadores/as.
González Formoso destacou o “importante papel” que xoga a asociación de empresarios, “favorecendo dende hai máis de 40 anos o traballo en rede, a dinamización e modernización” das empresas alí instaladas. “Agrela en un gran centro de xeración de emprego e actividade económica que temos que potenciar dende todas as administracións”, aountou.
O presidente provincial afirmou que as cuestións ligadas á creación de emprego e á dinamización do tecido empresarial da provincia “serán unha das liñas estratéxicas” da acción da Deputación da Coruña e, neste sentido, ofreceu a colaboración da institución para a posta en marcha de “iniciativas serias e decididas a cumprir con estes obxectivos”.











