publicidade hoxe

A Deputación da Coruña destina un millón de euros a proxectos en Cambre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCambre
A-
A+
Reunión do presidente da Deputación co alcalde de Cambre

Reunión do presidente da Deputación co alcalde de Cambre

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, mantiveron unha reunión de traballo na que analizaron conxuntamente temas relacionados co municipio. Na reunión, o máximo responsable do ente provincial expresou a firme intención de colaborar con todos os concellos da Coruña, e por suposto cos veciños de Cambre. A proposta da Deputación pasa por “financiar actuacións mediante plans con criterios obxectivos”. Neste sentido, lembrou que os plans que se aprobaron esta semana pasada no Pleno provincial (POS e PAS) dotan con case un millón de euros a proxectos de Cambre. González Formoso indicou que “serán os concellos os que prioricen e decidan as iniciativas que se financien con estes fondos provinciais”.

Pola súa banda, García Patiño, agradeceu a disposición do presidente provincial e o interese amosado polos proxectos cambreses. “Houbo unha sintonía total e agradezo que de primeira man nos explicara as fórmulas de financiamento que se seguirán a partir agora. É de agradecer a atención que nos prestou o presidente da Deputación, e a colaboración que ofreceu en todo momento”, apuntou o primeiro edil cambrés.

O alcalde de Cambre trasladoulle, doutra banda, unha serie de actuacións prioritarias que proxecta levar a cabo e para as que solicitou colaboración do ente provincial. En concreto, o primeiro edil cambrés pediulle colaboración en proxectos como a beirarrúa da Barcala, que necesita unha reforma urxente, xa que está totalmente destruída polas raíces das árbores que dan á vía provincial, ademais de dúas obras de seguridade viaria consistentes en dous pasos de peóns, un en Sigrás, á altura do Mesón Vasco, e outro na Rocha.

Así mesmo, o presidente provincial comprometeuse a que os técnicos provinciais estudarían a recente obra da rotonda de Lema, que o alcalde entende deficiente para a seguridade viaria. Por último, estudaron o proxecto do carril bici que discorrerá polo Río Mero, unha actuación que, segundo García Patiño, debe contemplar un respecto estrito sobre este patrimonio medio ambiental.

13 de outubro de 2015 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.