A Deputación da Coruña defende o papel dos servizos sociais nos concellos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero, Ánxela Franco, participaron este venres, xunto á alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez e ao presidente do Consorcio das Mariñas, José Antonio Santiso Miramontes, na inauguración do “IV Encontro dos Servizos Sociais Comunitarios”, organizado pola entidade supramunicipal, no que defenderon o papel central dos servizos sociais nos concellos.

Na súa intervención na apertura do encontro, que nesta nova edición ten como lema “Novos tempos, novas estratexias”, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso definiu os servizos sociais como a “alma mater dun concello”. Apuntou Formoso que nesta época de crise “redobran o seu protagonismo, sendo unha porta aberta a quen ten necesidades, unha luz aí onde a dureza impera” e lamentou os atrancos que a nova lei está a poñer á xestión municipal neste ámbito de maneira que fai extremadamente difícil atender casos de emerxencia social. “A lei segue aí e agardo que desde a FEMP se tome o tema en serio e se deixe de enredar nun asunto fundamental”, engadiu.

Pola súa banda, a responsable da área na Deputación, Ánxela Franco, púxose ao dispor dos profesionais que participan na xornada, en especial persoal técnico dos Servizos Sociais e cargos políticos responssables das áreas dos concellos que integran o Consorcio As Mariñas, e destacou o papel que están a cumprir na sociedade. “Levantádesvos cada día para para conducir o taller que amaña a vida dos seres humanos, un taller onde non hai repostos. A materia coa que traballades é especialmente sensíbel, a parte máis dura da vida”, apuntou ao tempo que recoñecía que “neste tempo calquera pode rematar nas vosas mans e tedes que ter ferramentas para sacar adiante o voso traballo, as áreas de servizos sociais necesitan, máis que nunca, recursos acaídos”, dixo a deputada.

Os “Encontros dos Servizos Sociais Comunitarios” desenvólvense ao longo deste venres 2 de outubro no Pazo de Mariñán e teñen como obxectivo achegar aos profesionais dos servizos sociais dos concellos aos novos enfoques e estratexias diante dos retos actuais á hora de actuar. Conferencias de especialistas e obradoiros teórico-práctico compoñen un programa na que, entre outros ámbitos de traballo recóllense métodos e técnicas para mellorar a produtividade, atención plena –equilibrio meten, corpo e emocións-, mellora de habilidades de comunicación e oratoria ou preparación de proxectos sociais con metodoloxía Aprendizaxe-Servizo para desenvolver desde os servizos sociais comunitarios.

2 de outubro de 2015 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.