publicidade hoxe

A Deputación da Coruña arranxará o tramo que circula por Trazo na DP-8401 A Tablilla-Agro do Mestre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTrazo
A-
A+
Visita ao vial

Visita ao vial

O deputado provincial de Economía, Facenda, Contas, Persoal e Réxime Interior, Antonio Leira, vén de realizar unha visita a Trazo para comprobar sobre o terreo as actuacións que a Deputación da Coruña ten previsto realizar no municipio. Unha visita na que estivo acompañado por membros da Agrupación Socialista de Trazo, polo alcalde en funcións, Eugenio Lamas, e por persoal do Servizo de Obras e Servizos da Deputación.

A comitiva visitou a estrada DP-8401 A Tablilla-Agro do Mestre, onde a Deputación da Coruña ten previsto mellorar a capa de rodadura a través dunha mestura bituminosa en quente dende Castenda ata o seu final. Na actualidade, o firme desta estrada está feita en rego superficial, polo que precisa un reforzo urxente para soportar o elevado tráfico de vehículos pesados que soporta a diario.

Unha obra que o deputado provincial cifrou en algo máis de 430.000 euros, xa que a cifra definitiva se coñecerá tras un modificado do proxecto para incluír un pequeno tramo de estrada que discorre polo veciño concello de Tordoia. Unha vez aprobado este modificado, o proxecto será elevado ao Pleno da Deputación para a súa aprobación. A intención da Deputación Provincial é realizar un bacheo, rasanteo e nivelación con mestura asfáltica en quente do firme actual para, posteriormente, estender unha capa de mestura asfáltica en quente de 6 centímetros de espesor en todo o ancho da calzada, previa limpeza de paseos e cunetas.

A voceira municipal do PSOE de Trazo, Beatriz Domínguez, destacou  que “esta obra é unha das peticións que lle trasladamos nunha reunión previa a Antonio Leira, como deputado provincial da comarca, e na que tamén lle pedimos o reforzo do firme da estrada DP-7804 Agro do Mestre-Ponte Albar, xa que é a principal vía de comunicación dos veciños e veciñas de Trazo con Santiago”. 

Paralización das beirarrúas en Agro do Mestre

Leira Piñeiro aproveitou a visita para coñecer sobre o terreo a problemática que ten paralizadas as obras de construción das beirarrúas en Agro do Mestre, uns traballos que acomete a Deputación da Coruña sobre un proxecto elaborado polo Concello de Trazo. A comitiva puido comprobar como o proxecto do Concello só contemplaba unha capa de mestura bituminosa en quente de 6 centímetros como pavimento desta travesía, cando as grandes deformacións que existen no seu firme actual fan necesario rasantear a superficie cunha capa previa de regularización que non estaba contemplada. Ademais, o proxecto tampouco contemplaba a retirada dos postes de Fenosa, polo que é preciso que o Concello de Trazo elabore un modificado do proxecto inicial.

Beatriz Domínguez aproveitou para instar ao Concello de Trazo “a que axilicen o máis posible a elaboración do modificado porque se acerca o inverno e as obras non poden quedar sen rematar, prolongando innecesariamente as molestias que están a sufrir os veciños e veciñas de Agro do Mestre”. A voceira municipal socialista agradeceu a visita do deputado provincial xa que “fronte a despreocupación que no caso das beirarrúas de Agro do Mestre amosaron tanto o alcalde Dafonte como do concelleiro de Obras, José M. Castiñeiras Sánchez, Antonio Leira preocupouse de vir a Trazo para resolver os problemas que provoca a deixadez do Goberno do PP”.

Así mesmo, agarda que este clima de cooperación coa Deputación se poida manter para poder arranxar as distintas estradas provinciais de Trazo, tal e como lle trasladaron ao deputado provincial os representantes da Agrupación Socialista de Trazo.

 

30 de outubro de 2015 | 18:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.