publicidade hoxe

A Deputación da Coruña apoiará o proxecto de casa-museo de Rafael Dieste en Rianxo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaRianxo
A-
A+

A Deputación da Coruña mostrou interese en apoiar o proxecto de musealización da casa de Rafael Dieste que o alcalde Adolfo Muiños presentou esta mañá á vicepresidenta Goretti Sanmartín.

Nunha xuntanza con Goretti Sanmartín que se desenvolveu na sede da Deputación da Coruña, o alcalde de Rianxo, Adolfo Muiños, presentou o proxecto da Casa-Museo Rafael Dieste no que se converterá o inmóbel familiar do escritor no céntrico Paseo da Ribeira. O inmóbel, propiedade do concello, foi xa obxecto de rehabilitación exterior e conta con mobiliario orixinal da familia Dieste.

O proxecto de musealización e posta en valor da vivenda foi elaborado por un equipo dirixido polo deseñador Pepe Barro, autor tamén do acondicionamento da casa de Manuel Antonio, xa aberta ao público. Conta ademais co asesoramento do investigador Xosé Luís Axeitos, un dos especialistas na figura do intelectual nado en Rianxo.

A Deputación da Coruña, a través da súa vicepresidenta Goretti Sanmartín, mostrou interese no proxecto e comprometeuse a apoiar unha iniciativa que afortala a condición de Rianxo como vila literaria e significa unha iniciativa clave na posta en valor dun dos principais nomes da historia cultural galega. Ademais de centrarse na figura de Rafael, o proxecto de casa museo contempla dedicar un espazo para Eladio Dieste cunha sala na que mostra a súa traxectoria como enxeñeiro de prestixio en América. A familia Dieste ten amosado o seu interese en participar na iniciativa e todo o seu apoio para a consolidación do proxecto e a apertura ao público deste centro dedicado ao escritor e tamén ao enxeñeiro.

O alcalde de Rianxo convidou á Deputación a participar no proxecto xa que a súa dimensión precisa o concurso doutras administracións e tamén da propia familia do escritor. Neste sentido, Goretti Sanmartin mostrou a disponibilidade da Deputación para apoiar un proxecto que valorou como “necesario e acaído a unha figura da relevancia de Rafael Dieste e imprescindíbel tamén para coñecer a dimensión da obra de Eladio Dieste”.

29 de outubro de 2015 | 19:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.