A Coruña asina un manifesto a prol da mobilidade sostible xunto con sete municipios españois

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, vén de asinar, na capital catalá, un manifesto xunto aos seus homólogos nos municipios de Compostela, Madrid, Barcelona, Zaragoza, Valencia, Iruña e Badalona no que se comprometen a potenciar o transporte público, así como o uso da bicicleta e outros medios non contaminantes, e a reclamar ao resto de administracións competentes, “especialmente ao Goberno central, que se sumen a esta aposta e realicen os esforzos lexislativos, políticos e orzamentarios que merece un dereito, o da mobilidade, que afecta á vida cotiá da cidadanía”.

“É a primeira vez que nos reunimos, todos xuntos, os responsables de mobilidades destas oito cidades, marcadas polo cambio nas pasadas eleccións municipais”, destacou Díaz Grandío, que cualificou a xuntanza desta “rede de cidades rebeldes” como “especialmente produtiva”. “Como xa fixemos noutras áreas de actuación, trátase de traballo en rede. Buscamos liñas políticas en común que nos aporten certo espazo de confort e expoñemos e analizamos como dar resposta a diversas problemáticas que nos son comúns”, indicou o edil, que anunciou que haberá novas reunións periódicas.

O manifesto “Polo dereito á Mobilidade” asinouse este venres en Barcelona. Nel, os concellos que o subscriben coinciden na necesidade de buscar “un modelo de mobilidade que sexa capaz de responder ás necesidades da maioría: eficaz, barato, socialmente inclusivo, que respecte a saúde e a habitabilidade dos barrios”. Segundo apuntan, “o modelo de hoxe en día non proporciona unha resposta adecuada, e non garante a igualdade de oportunidades, nin que a cidadanía teña o mesmo acceso a un espazo público de calidade o que, en definitiva, limita os nosos dereitos”.

Por iso, os concelleiros de mobilidade destas oito cidades do Estado español comprométense a impulsar un modelo “que coide os desprazamentos a pé e o transporte público”, xa que na práctica son máis habituais que os dos automóviles. Outro dos obxectivos do manifesto é “promocionar os modos de transporte non motorizados”, así como “impulsar unha tarificación social do transporte público, como método para disminuir a fenda social”. Cumprir cos compromisos legais en materia de emisións contaminantes e ruído causadas na maioría dos casos polo tráficoé outra das metas que se impoñen estas oito cidades, ademais de “disminuir a dependencia enerxética do petróleo”.

Por último, o manifesto tamén sinala a necesidade de “traballar de forma contundente” para atallar os accidentes de tráfico, así como prestar especial atención ás persoas de mobilidade reducida, e impulsar as infraestruturas necesarias para potenciar o transporte público.

16 de outubro de 2015 | 18:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.