A corporación de Bueu aproba unha declaración institucional de solidariedade, apoio e perdón aos afectados do edificio Pintos
Tras os debates da sesión ordinaria do 5 de outubro, onte celebrouse ás 20.30 horas un pleno extraordinario no que, a petición da comunidade de propietarios e propietarias do Edificio Pintos, se procedeu á lectura e aprobación por parte de todos os grupos da corporación dunha declaración institucional de apoio, solidariedade e perdón.
No pleno procedeuse a dar lectura a esta declaración que pide perdón ás vítimas da sentenza de demolición do Edificio Pintos, sendo consciente de que o Concello dos anos 1986-87 actuou cunha “evidente pasividade”, dándose pois lugar a situacións como a do edificio sito en Loureiro. Con esta declaración, o Concello “pide perdón e manifesta a súa solidariedade”, aínda que tamén agarda que con ela se recupere a imaxe da institución municipal.
O alcalde de Bueu, Félix Juncal, asegurou que nos vindeiros días a secretaría xeral do Concello emitirá un informe xurídico onde se contemplan todas as situacións que demandan os afectados, entre elas a posibilidade ou non de que o Concello poida emitir unha resolución de suspensión cautelar, mentres se resolven os catro procedementos xudiciais que nestes momentos están abertos para buscar a paralización do desaloxo inminente. No pleno deuse voz aos voceiros/as dos diferentes grupos, ademais de ao representante dos veciños e veciñas afectados, que manifestaron a súa satisfacción porque se avanzase un paso máis neste proceso tan complexo para ambas partes.
Juncal salientou que con esta declaración “todos recoñecemos as culpas, propias ou alleas, pero finalmente colectivas” e volveu manifestar o seu desexo de que o inmoble non sexa demolido.











