A conselleira do Medio Rural clausura a xornada de promoción do leite de calidade Galega 100%

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Ángeles Vázquez na clausura da xornada

Ángeles Vázquez na clausura da xornada

O futuro do sector lácteo galego pasa por unha aposta clara pola calidade do produto, e de aí a oportunidade de realizar accións que incentiven o consumo e demanda de lácteos Galega 100%. Así o destacou esta mañá a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, na clausura da xornada de promoción do leite de calidade Galega 100% no seo das asociacións de consumidores da Coruña.

A titular de Medio Rural lembrou que este selo de calidade representa unha garantía para os consumidores, xa que ao comprar leite etiquetado con Galega 100% saben que están a consumir un produto de primeira calidade que ten como orixe a nosa Comunidade.

Ángeles Vázquez sinalou ademais que este tipo de promocións contribúe á concienciación da sociedade sobre a calidade que ten o leite producido en Galicia e os beneficios ligados ao seu consumo. Tamén indicou a conselleira que o feito de comprar leite de Galega 100% contribúe a unha mellora no nivel de vida dos nosos gandeiros e, en definitiva, en beneficios económicos para o sector lácteo galego.

A titular de Medio Rural defendeu como un dos piares básicos da Consellería que dirixe o apoio, promoción e fomento do consumo dos nosos produtos agroalimentarios, e de aí xurdiu a posta en marcha desta campaña, que ven reafirmar o claro compromiso da Xunta co sector.

Esta iniciativa promocional estase levando a cabo nas capitais de provincia galegas coas respectivas asociacións de consumidores. A campaña iniciouse onte en Lugo e ademais da cita de hoxe na Coruña vai ter continuidade en vindeiras datas en Ourense e Pontevedra. Neste contexto tamén está en marcha unha campaña en colaboración cos concellos e entidades locais, que se están adherindo para ampliar a difusión da marca de calidade.

Tras a clausura desta xornada, a conselleira, acompañada por representantes das asociacións de consumidores, visitou unha explotación leiteira no concello de Boimorto.

Materia prima galega

Galega 100% identifica o leite e os produtos lácteos feitos con materia prima galega, elaborados e envasados en Galicia. A materia prima que se emprega nos produtos amparados por esta marca procede exclusivamente de explotacións leiteiras que acadan de modo continuado parámetros de calidade superiores aos esixidos pola normativa comunitaria e que están inscritas no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada.

Esta distinción ten como principal obxectivo facer posible a identificación, por parte dos consumidores, dos produtos galegos de calidade diferenciada con tan só ver un selo. Con esta marca de calidade, o consumidor identifica facilmente os produtos lácteos de calidade superior. Esta marca e a súa xestión é propiedade do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), organismo no que están representadas as industrias lácteas e os produtores de leite.

21 de outubro de 2015 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.