A Concellería de Participación inicia os encontros para delimitar os distritos da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, fixo este mércores un balance das tres primeiras semanas dende a posta en marcha do proceso participativo de A Porta Aberta , que nesta primeira volta, “busca a opinión tanto da veciñanza, como de distintos colectivos e entidades de cara a poder delimitar a cidade en distritos”, división que, posteriormente, será fundamental á hora de elaborar uns orzamentos participativos. A edil destacou que, tras realizarse desde o mes de setembro 22 encontros presenciais cos veciños e veciñas da cidade, restan por celebrarse outros seis máis até o día 30 de outubro. Está previsto tamén que o próximo 4 de novembro teña lugar unha xuntanza coa Federación de Asociacións Veciñais da cidade. “Ademais, aquelas e aqueles que o desexen poderán seguir a participar neste proceso a través da rede atéo vindeiro día 1 a través da web do Concello ( www.coruna.es/aportaaberta )”, indicou Delso, que recordou o interese do Goberno local en que “poñer a disposición da xente todas as canles necesarias para favorecer a súa participación”.

Non obstante, o proceso de delimitación da cidade en distritos inicia esta xornada unha nova fase xa que, segundo anunciou Delso, “comezan a levarse a cabo encontros con distintos sectores profesionais da cidade que, polo seu traballo, acostuman a moverse pola Coruña e teñen, por tanto, moito que aportar”. En concreto, está previsto que tanto a concelleira como representantes da súa área manteñan un encontro esta tarde con traballadores e traballadoras do servizo de recollida de Cespa. Ademais de con estes, polo momento, tamén están xa confirmadas xuntanzas coa asociación de taxistas, traballadores de Correos, e con representantes empresariais dos polígonos de Agrela e de Pocomaco. “Ademais dos encontros con entidades e colectivos especialmente interesados e con moito que aportar no mapa de distritos, nesta segunda fase do programa, teremos tamén outro encontro coa Universidade”, adiantou Delso. “Pilotado neste caso polo concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, dialogaremos con responsables das distintas facultades da cidade para abordar tamén este tema dende unha perspectiva socio urbanística e coñecer a súa opinión ao respecto”, explicou a concelleira, que quixo salientar tamén a participación do Colexio de Arquitectos (COAG).

Delso indicou que, unha vez rematen todos os actos participativos coa veciñanza, tanto presenciais como on line , ademais das xuntanzas con sectores profesionais, a concellería “darase de prazo até mediados de decembro para facer unha primeira análise deste proceso de encontros e de que como axudarán a delimitar correctamente a cidade, cunha nova división fundamental de cara á creación duns orzamentos participativos, deseñados coa axuda de todos e todas”.

Ademais da reunión desta tarde con representantes de Cespa, mañá retomaranse os encontros presencias coa veciñanza, cunha xuntanza no centro cívico de Monte Alto ás 18.00 horas. O venres, á mesma hora, terá lugar no CCM de Elviña, mentres que o martes 27 celebrarase no Centro Ágora. Un día despois, o mércores 28, terá lugar un novo encontro no CCM de Os Rosales, mentres que o xoves 29, está programado outro no salón de actos da asociación Tempo Novo, no Lugar de Elviña. A petición da veciñanza da zona, o encontro previsto no Centro Cívico de San Pedro de Visma para a mañá do día 28, quedou adiado á tarde (de novo, ás 18.00 h.) do venres, 30 de outubro.

21 de outubro de 2015 | 19:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.