publicidade hoxe

A Concellería de Mocidade de Narón promove obradoiros de educación afectivo-sexual en centros de ensino locais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarón
A-
A+

A Concellería de Mocidade, presidida pola edil Natalia Hermida, promove obradoiros de Educación afectivo-sexual e Asesorías de sexualidade entre as actividades enmarcadas na área de Educación para a saúde. Estas convocatorias, que se desenvolven en horario lectivo, diríxense a  alumnos de segundo curso de ESO e están ubicadas no período 2015-2016 nos IES das Telleiras e Terra de Trasancos e no CPI O Feal.

A concelleira de Mocidade anunciou que os Obradoiros de educación afectivo-sexual se impartirán nos meses de novembro e decembro, previa solicitude no Servizo Sociocomunitario do Concello de Narón. Nas sesións traballaranse cos menores temas como a prevención de embarazos non desexados, as enfermidades de transmisión sexual, ou os métodos anticonceptivos, entre outros. “Ampliar os coñecementos sobre estes temas por parte dos rapaces e rapazas dos centros de ensinanza da localidade é un dos obxectivos desta iniciativa, coa que se trata de ofrecerlles toda a información posible de cara a que coñezan de primeira man as situacións ás que poden enfrontarse”, explicou Natalia Hermida.

A segunda opción son as Asesorías de sexualidade, que comezaron a impartirse o pasado 19 deste mes nos IES Terra de Trasancos e As Telleiras e que tamén se levaron a cabo no CPI O Feal. Este dispositivo permanecerá activo nos centros educativos ata rematar o curso e conta cun profesional que asesora aos adolescentes sobre os recursos existentes a nivel municipal e solventa as súas dúbidas en materia de sexualidade, tal e como recordou Natalia Hermida. No caso do IES Terra de Trasancos o servizo estará dispoñible os luns, en horario de 10.10 a 10.30 e no IES As Telleiras o mesmo día pero entre as 12.10 e as 12.30; no colexio do Feal atenderase os venres de 12.05 a 12.25 horas. Sexualidade, afectividade, análise crítica dos estereotipos de xénero e condutas sexistas, fisioloxía sexual e manexo de situacións de risco son algún dos contidos cos que traballarán os usuarios deste servizo.

28 de outubro de 2015 | 19:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.