A compañía Teatro do Atlántico e o grupo de música tradicional Leilía actúan no Pazo da Cultura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarón
A-
A+

O teatro e a música tradicional daranse cita esta fin de semana no Pazo da Cultura de Narón. O sábado, ás 20.00 horas a compañía Teatro do Atlántico representará a obra “O principio de Arquímedes” e o domingo ás 19.00 horas actuará o grupo de cantareiras e pandereteiras Leilía, que interpretará temas do seu álbum “Consentimento interior”. As persoas interesadas en asistir poden adquirir xa as entradas na taquilla do Pazo, a un prezo –cada un dos espectáculos- de 9,50 euros para o público en xeral e 6,65 para abonados, persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos) e desempregados. O horario para o despacho de billetes –que poderán adquirirse o mesmo día dos actos- é de de luns a venres desde as 10.30 ata as 14.00 e de 18.00 a 20.30 e os sábados de 10.00 a 13.00 e desde as 17.00 ata as 20.00 horas.

“O principio de Arquímedes” é unha peza dramática dirixida por Xúlio Lago que protagoniza un adestrador de natación de alumnos infantís sobre o que recae a sospeita de que poida ser un pederasta. O medo apodérase dos personaxes, que cada vez parecen estar máis convencidos das acusacións contra o adestrador, o que leva a presenciar algúns actos de violencia.

No que respecta á actuación musical, as seis voces femininas que compoñen o grupo Leilía interpretarán temas do seu último traballo, “Consentimento Interior”, un álbum que viu a luz no ano 2011. A formación, con cinco discos no mercado, creouse no ano 1989 e desde entón realiza unha importante contribución á recuperación da música tradicional galega.

8 de outubro de 2015 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.