A comisión executiva do Eixo Atlántico acorda solicitar a Fomento que garanta a conexión entre A Coruña e Lisboa
O alcalde da Coruña. Xulio Ferreiro, participou esta mañá na reunión da comisión executiva do Eixo Atlántico, organismo que aglutina a numerosos concellos e que defende o impulso da eurorrexión GaliciaNorte de Portugal. Dito organismo, reunido este venres en Lalín (Pontevedra), acordou solicitar á ministra de Fomento, Ana Pastor, que retome a construción da infraestrutura ferroviaria denominada ‘Saída Sur de Vigo’, para deste modo, “garantir a conexión de tren, non só entre Porto e a cidade olívica, senón tamén entre A Coruña e Lisboa”.
Segundo a comisión executiva do Eixo Atlántico, “a construción da ‘Saída Sur de Vigo’ custaría uns 400 millóns de euros, pero garantiría a conexión entre Porto e Vigo nuns parámetros similares aos existentes actualmente entre Vigo e A Coruña”. O organismo, conformado por numerosos rexedores de Galicia e o Norte de Portugal, explica que “a importancia da conexión A CoruñaLisboa radica en que, ao aportar máis carga de usuarios garantiría a sostenibilidade da liña ferroviaria, que contaría con máis de sete millóns de usuarios, fronte aos tres actuais da conexión de Vigo con Porto”. O organismo chegou a esta conclusión tras analizar diversos informes de expertos, que alertan de que a conexión VigoPorto, a plantexada polo Ministerio na actualidade, é “moi mellorable”.
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, acudiu á reunión da comisión executiva do Eixo Atlántico en calidade de vogal. Tamén estaban representantes dos concellos de Vigo, O Barco de Valdeorras, Lalín e Monforte de Lemos, ademais dos municipios lusos de Porto, Barcelos, Bragança e Matosinhos.











