A comisión do rueiro de Lalín comeza a funcionar co obxectivo de escoller os nomes das rúas que aínda carecen del

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+
Comisión do rueiro

Comisión do rueiro

Empezou a funcionar a comisión do rueiro de Lalín, un órgano de carácter consultivo que decidirá, de forma consensuada e plural, os nomes das rúas do concello que aínda carecen del. Este órgano está constituído por expertos sen cargo político, pero que, en todo caso, serán propostos polos diferentes partidos con representación plenaria. Tamén serán membros desta comisión -que estará presidida polo alcalde- os portavoces de cada un dos grupos políticos do Concello de Lalín.

As persoas xa designadas para esta comisión son:

– Fernando Pereira
– Mario Pereira
– Marta Negro
– Manuel González Aller
– Luz Méndez
– Hugo Facal
– Daniel González Alén
– Gonzalo Navaza
– Manuel Igrexas

Con esta composición garántese a pluralidade á hora de escoller os nomes para bautizar as rúas que  aínda non o teñen. A activación da comisión do rueiro tamén servirá para dar cumprimento a un dos acordos recollido no pacto do Goberno de integración e para avanzar na recuperación da memoria histórica, tal e como recolle o documento que define as liñas programáticas acordadas polo actual executivo.

A posta en marcha desta comisión xorde da necesidade de bautizar o elevado número de rúas sen nome que hai en Lalín. A intención desta medida é facilitar o coñecemento e a localización das rúas, non só para o servizo de correos ou as empresas de transporte, senón para a veciñanza en xeral.

Tamén se pretende dotar de identidade propia ás rúas que non foron bautizadas no seu momento e, en boa medida, recuperar os topónimos tradicionais de Lalín e que se foron perdendo co paso do tempo. Con respecto aos posibles topónimos conmemorativos, a comisión acordou adaptarse aos principios das “Directrices sobre Topónimos Conmemorativos” elaboradas por expertos da ONU no ano 2004 (adxúntanse en imaxe), naqueles casos que se decida darlle un destes nomes a unha rúa.  Estas directrices recollen aspectos como o de outorgar soamente topónimos postumamente, concedelos en exclusiva a persoas cun forte vínculo social co lugar, ou que estes sexan apoiados pola comunidade local.

 O propósito do Goberno municipal é bautizar as rúas sen demasiada demora, pero facéndoo sempre con consenso. Por este motivo, ademais de manterse o contacto on-line entre os membros, acordouse establecer reunións continuas cunha periodicidade aproximada dun mes, que sirvan para alcanzar unha dinámica de traballo que axilice o proceso.

Os membros do Goberno presentes na xuntanza lamentaron a ausencia de representantes do Partido Popular máis “cando noutras comisións creadas por eles, sempre participaron as demais forzas políticas”, non obstante, tal e como expresou o alcalde “seguen tendo a porta aberta para incorporarse cando queiran” 

8 de outubro de 2015 | 20:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.