A Casa da Luz acolle a primeira Gala Cantos de Taberna

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Casa da Luz acolle esta noite, a partir das 21.00 horas, a primeira Gala Cantos de Taberna nun acto aberto a todo o público que se queira achegar a pasar un bo rato, gozar da música, dos coñecementos de recoñecidos cantautores e facerlle unha homenaxe ao bar A Navarra polo seu apoio ao programa.

O acto estará guiado por Luís Enrique Correa Piñeiro, membro do grupo de musica tradicional “Os Carunchos”. Está previsto un discurso de benvida da Asociación Cultural Maravallada, organizadora nestes anos de Cantos de Taberna e unha relatorio “Unha ollada cara a dignificación do canto” a cargo do cantautor guardés, Constantino Baz que combina as actuacións co campo da didáctica, como mestre de gaita e pandeireta en diferentes lugares da bisbarra do Baixo Miño.

Nesta gala farase entrega da Cunca Maravallada en recoñecemento a Milagros Guzmán Barros, propietaria da emblemática taberna “La Navarra”, polo apoio que ven desenvolvendo dende os inicios da actividade de recuperación dos cantos de taberna en Pontevedra e polo seu entusiasmo na organización e difusión dos mesmos.

A Cunca Maravallada é unha obra escultórica realizada en cerámica pola artista local Xela Area Pesqueira.

A gala rematará coa actuación de Constantino Baz e un viño galego.

29 de outubro de 2015 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.