A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle a proxección da película “A tropa de trapo na selva Arcoiris”
A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres, 9 de outubro, ás 18:30 horas, a proxección da película: A tropa de trapo na selva Arcoiris, un filme apto para todos os públicos e especialmente recomendado para os máis cativos. A súa duración é de 75 minutos e está dirixida por Álex Colls. A entrada é de balde ata completar o aforo. As invitacións hai que recollelas na propia Casa da Cultura de Bertamiráns antes do inicio da función.
A programación cultural do outono 2015 continúa este venres, 9 de outubro, coa proxección do filme A tropa de trapo na selva Arcoiris, que está dirixida ao público infantil (nenos e nenas de 2 a 7anos). Esta película de animación, que foi estreada no ano 2014, está dirixida por Álex Colls.
A Tropa de Trapo, un grupo de mascotas formado por unha vaquiña, unha xirafa, un oso, unha porquiña, un can e un paxaro, sinte a necesidade de axudar aos animais que teñen moitas dificultades para sobrevivir. Para iso, organizan unha expedición solidaria que os levará ata a selva do Arcoiris.
Alí descubrirán que, debido á contaminación na Terra, o Arcoíris vai apagarse e perderá o seu brillo orixinal. Se isto ocorre, as cores poderían desaparecer para sempre do planeta. A tropa de trapo non pode permitir tal cousa e porá en xogo todos os seus recursos para evitalo. Terán que facer acopio de todo o seu enxeño, coñecemento e esforzo para salvar ao Arcoiris que simboliza os soños e os xogos.











