A campaña de control da velocidade da Policía Local concluíu con 31 sancións a condutores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O Concello de Pontevedra está “moi satisfeito” co resultado da Campaña de control de velocidade que realizou a Policía Local nas últimas semanas. A concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva explicou esta mañá que dos 11.249 vehículos rexistrados durante esta campaña só se sancionarán a 31 condutores, “é dicir, o 0,27%”, o que permite concluír que “conducir respectando os límites de velocidade salva vidas”.

Carme da Silva lembrou que o último dato publicado sobre o custe en vidas dos sinistros de tráfico en estrada revela que máis de 1,5 millóns persoas perderon a vida o pasado ano.

Por tramos de idade “a sorpresa tamén é agradábel”, explicou Carme da Silva. Dos 31 condutores que serán sancionados, por franxas de idade son os seguintes (nesta relación hai dous condutores que non foron identificados):

• 18 a 30 anos: 6 sancións

• 31 a 40 anos: 11 sancións

• 41 a 64 anos: 12 sancións

As sancións puxéronse nas seguintes rúas:

• Corvaceiras

• Avenida de Compostela

• Avenida do Uruguai

• Avenida Domingo Fontán

• Santa Margarida

• Rosalía de Castro (nesta púxose a multa de maior contía con 600 euros de multa e 6 puntos retirados por conducir a 79 km/h nunha zona limitada a 30 km/h).

Carme da Silva destacou que se tratan de bos resultados, e tamén anunciou que a Policía Local continuará facendo campañas de control da velocidade (a anterior a esta fíxose fai 5 anos) xa sen publicidade, e incluso se sopesa adquirir un radar para a Policía Local xa que esta campaña se realizou cun vehículo cedido pola Garda Civil de Tráfico. A concelleira explicou que o Concello “non quere pór sancións, o que queremos e que a xente circule á velocidade adecuada”.

29 de outubro de 2015 | 18:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.