A campaña CoruñaCorresponsable sensibilizará a ambos sexos nos beneficios dunha vida en equidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Concellería de Igualdade e Diversidade vén de poñer en marcha a campaña CoruñaCorresponsable que busca sensibilizar tanto a homes e mulleres como a veciños e veciñas de todas as idades da necesidade “dunha vida en equidade, que favoreza a conciliación”. “É importante que todos e todas asumamos de forma compartida as tarefas do fogar, domésticas ou aquelas que teñen que ver cos coidados de dependentes. Desde este Goberno local intentamos facelo, de feito, unha das poucas esixencias que puxen á hora de presentarme como candidato á Alcaldía foi a de poder seguir levando aos meus fillos ao colexio e índoos a recoller”, explicou o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, na presentación da campaña ante a prensa.

“Conciliar non é máis que acadar un equilibrio entre os diferentes tempos da nosa vida, que sexamos quen de xestionar para poder gozar dos diferentes ámbitos que a compoñen: o ámbito personal, o laboral e o familiar”, explicou a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, que fixo fincapé nas “dobles e triples” xornadas laborais que se vén obrigadas a facer moitas mulleres. “A nosa incorporación ao público e ao produtivo é desequilibrada con respecto ao paso dos homes ao ámbito dos coidados e do privado”, indicou. 

Por iso, a Concellería de Igualdade decidiu poñer en marcha esta campaña de corresponsabilidade, co obxectivo de sensibilizar a veciños e veciñas de todas as idades desta situación. “Educar en corresponsabilidade é fundamental para o avance e a consecución da igualdade entre homes e mulleres”, destacou Fraga, que explicou que a campaña desenvolverase en centros de estudo, cívicos e bibliotecas entre outros espazos, e terá ademais repercusión en redes sociais. A campaña terá unha duración de cinco semanas e contará con diverso material audiovisual, como o que hoxe se presentou baixo o título, Compartamos estratexia, fagamos equipo! ( https://www.youtube.com/watch?v=DIHVonVMcb8&feature=youtu.be )

Betty Rico, a directora do Centro de Información a Muller (CIM), da Coruña, destacou na presentación de CoruñaCorresponsable que durante o ano pasado houbo máis de 700 solicitudes de partes de atención a domicilio, “das cales só o 7,4% foron demandados por homes”. “As mulleres seguen a facerse cargo de todo este tipo de tarefas, por eso cremos que é tan importante que este tipo de campañas estean dirixidas a todos e todas”, comentou.

2 de outubro de 2015 | 19:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.