publicidade hoxe

A Biblioteca Rego da Balsa programa actividades con faladoiros, contacontos e presentacións de libros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

Co outono e co comezo do curso volven as actividades á Biblioteca Rego da Balsa, para cativos e cativas e tamén para adultos nun intenso programa entre outubro e decembro. O obxectivo e seguir contribuíndo a que o espazo da Biblioteca sirva “para o encontro de familias e de xente nova co libro e con distintas maneiras de expresarse”, en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero. Tamén coa arela de “divulgar os libros” e de “facer lectores e lectoras críticos”, engade. Así o expresou na presentación deste programa que desta volta tamén inclúe un total de 16 visitas e contacontos teatrais para centros de ensino entre o 5 e o 16 de outubro ás 10.30 e ás 12.00 horas.

Desta forma o espazo debe mudar nun lugar “atractivo, dinámico e divertido para pasar o tempo de lecer”, segundo explica o Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, cunha programación na que tamén hai obradoiros e contacontos para os máis cativos e cativas, continuando coa proposta “Pais e nais contan” que implica a toda a familia, pero tamén con compañías como Trinke Trinke os mércores ás 18.00 horas; presentacións de libros con autoras e autores da contorna, como Miriam Beizana, os xoves pola tarde; e interesantes faladoiros con persoeiros como Suso Lista, ou abordando temáticas como o a adopción de cans ou a horta ecolóxica os martes pola tarde. A programación complétase co programa “Os ratos do Rego da Balsa”, os mércores ás 18.00 horas entre outubro de 2015 e abril de 2016 cunha programación continuada e especial para nenos e nenas.

No caso do programa “Os Ratos do Rego da Balsa” é preciso recoller un convite previo á celebración da actividade. A recollida de convites debe realizarse na propia Biblioteca dende unha semana antes ao comezo da cita. Hai que lembrar que o horario das instalacións é de luns a venres de 10.30 a 13.30 e de 16.30 a 20.30 horas, e os sábados de 10.00 a 13.00 horas. E a Biblioteca San Xoán Bautista, situada no antigo cárcere, a carón do Museo de Bergantiños, funciona dende setembro de forma ininterrompida en horario de 9.30 a 20.00 horas de luns a venres co obxectivo de que os horarios de ámbolos dous servizos sexan complementarios. Así mesmo, o Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, lembrou que o seu departamento está a traballar na apertura do primeiro andar da Biblioteca Rego da Balsa, non só para actividades esporádicas, como se vén facendo até o de agora, senón tamén como zona de lectura e estudo, aproveitando ao máximo o novo espazo; e avanzou que está previsto crear un Club de Lectura na Biblioteca Rego da Balsa que está previsto que estea en funcionamento entre finais deste ano e primeiros de 2016.

8 de outubro de 2015 | 18:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.