A bebeteca de Bueu acolle unha sesión de ‘contos para bebés’ este domingo
Bueu continúa coa súa actividade cultural, e non podía ser doutro xeito que animando aos máis pequenos a ler e a amar os libros e a interactuar coas bibliotecas como lugar de encontro. O pasado sábado púxose en marcha unha campaña de animación á lectura “Navegando entre libros” que continúa este domingo cunha sesión de “Contos para bebés” que consistirán no emprego de técnicas da narración oral e a música. Esta actividade xa ten as 25 prazas ocupadas e será ás 12 horas.
Outra das actividades estrela que terá lugar o xoves 8 de outubro é o “Obradoiro de ilustración” que impartirá o coñecido ilustrador Luís Davila e que consistirá nunha iniciación ás técnicas do cómic para rapaces e rapazas de entre 9 e 12 anos. Os que desexen participar nesta actividade, que será na Biblioteca de Bueu ás 18 horas, poderán inscribirse gratuitamente no correo lobocoxo@gmail.com.
E ata o 15 de outubro continuarán as sesións dunha hora de contapintacontos, na que se alternarán contos e pintura da man do ilustrador Marc Taeger. Tras a sesión do 26 de setembro na biblioteca de Bueu, o 7 de outubro ás 18 horas a actividade repetirase en Beluso, e o 10 de outubro ás 12 en Cela, pechando a campaña o xoves 15 ás 18 horas na biblioteca de Bueu.
Segundo expresou Carlos Eirea, concelleiro de cultura, e Olalla González, de Lobocoxo, “pretendemos involucrar ás familias, e animar a ler nas bibliotecas, para que estas se movan xa que son lugares moi interesantes”. Seguindo co lema, Eirea aproveitou o día de presentación da campaña para declarar que o obxectivo é “pescar” a persoas que habitualmente non se achegan a estas actividades.
Esta campaña está organizada polo Concello de Bueu, en colaboración coa Xunta de Galicia, e é desenvolvida polo espazo infantil Lobocoxo, experto nestas sesións.











