A aula móbil do programa de Garantía Xuvenil comeza en Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

A aula móbil do programa de Garantía Xuvenil, que impulsa a Consellería de Economía, Emprego e Industria, botará a andar mañá venres 16 de outubro en Vigo no marco das actividades da feira Empregalia. Durante os vindeiros meses, esta aula percorrerá máis de vinte localidades galegas para informar aos mozos e mozas de entre 16 e 29 anos das oportunidades laborais que poden atopar dentro deste proxecto.

O obxectivo do programa de Garantía Xuvenil é que os participantes poidan recibir unha oferta de emprego; de educación continua; formación de aprendiz ou acceder a un período de prácticas nun prazo de catro meses despois de acabar a educación formal ou quedar desempregados.

Para acadar este fin, o programa de Garantía Xuvenil vertébrase en catro eixos: mellora da intermediación (servizo de orientación e información laboral); mellora da empregabilidade (obradoiros de emprego, prácticas non laborais en empresas); estímulos á contratación (bonificacións e incentivos a empresarios que contraten a mozos e mozas inscritos no sistema nacional de Garantía Xuvenil) e fomento do emprendemento (axudas á creación de empresas propias e cooperativas).

A aula móbil, de libre acceso, quedará instalada na explanada da Estación Marítima de Vigo durante este venres en horario de mañá e tarde e o sábado en horario de mañá, e contará coa presenza continua de dous técnicos de emprego. As seguintes citas serán os días 19, 20 e 21 en Santiago e o 22, 23 e 24 en Pontevedra. Ademais das visitas da aula móbil, e de xeito paralelo, haberá charlas informativas en medio cento de concellos galegos para achegar a Garantía Xuvenil ao maior número posible de potenciais beneficiarios.

Para máis información, pódese visitar o sitio web do programa de Garantía Xuvenil (garantiaxuvenil.xunta.es), así como os perfís habilitados en Facebook e Twitter.

15 de outubro de 2015 | 13:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.