A Aula da Natureza de Ames organiza un obradoiro sobre o aproveitamento das mazás e a elaboración de sidra
A concellaría de Medio Ambiente, a través da Aula da Natureza, organizou o obradoiro “Convertendo mazás en sidra”, que está dividido en tres xornadas. As dúas primeiras xornadas desta actividade desenvolveranse durante esta fin de semana (o venres 16 e o sábado 17 de outubro). A última sesión será o sábado 5 de decembro. Este obradoiro, que está dirixido a un público xuvenil e adulto, desenvolverase dende as 16:30 na sede da Aula da Natureza. Trátase dunha actividade na que se lle dá un uso alternativo ás mazás. Este obradoiro está incluído dentro da programación do outono 2015 e dentro das actividades ofertadas dende a Aula da Natureza.
A concelleira de Medio Ambiente, Catuxa García, explica que “coa organización desta actividade preténdese que as persoas que teñen maceiras nas súas hortas poidan darlle un uso alternativo ás mazás. Ademais, esta actividade está dirixida á todas aquelas persoas que teñan a inquedanza de coñecer e aprender o proceso de elaboración da sidra. Este obradoiro estará impartido pola docente Carme Freire, que tamén lle imparte aos usuarios/as das hortas urbanas o curso de agricultura sostible, e pola coordinadora da Aula da Natureza”.
Este obradoiro está divido en tres xornadas. A primeira levarase a cabo este venres, 16 de outubro, a partir das 16:30 horas. Na primeira sesión realizaranse labores de apañado, selección e mazado. O seguinte día, o sábado 17 de outubro, desenvolverase a segunda xornada desta iniciativa, na que se realizarán os traballos de extracción, prensado e engarrafado. Nestas sesións haberá unha parte teórica e outra práctica. A última xornada deste obradoiro será o sábado 5 de decembro. Haberá que deixar pasar máis dun mes para que a sidra fermente. Nesta última xornada realizarase a proba da sidra e finalizarase coas labores de embotellado.
Para este obradoiro ofértanse un total de 30 prazas. Para realizar as inscricións ou ampliar calquera outra información sobre esta actividade poden poñerse en contacto co Concello de Ames a través do correo electrónico auladanatureza@concellodeames.org e do número de teléfono 660 004 665. As inscricións haberá que realizalas antes das 14:00 horas deste venres 16 de outubro.











