A Asociación Cultural Cántigas e Frores organiza o XIII Festival de Cultura Tradicional – San Froilán
A Asociación Cultural Cántigas e Frores de Lugo organiza un ano máis para as festas do San Froilán a que será a décimo terceira edición do Festival de Cultura Tradicional, co patrocinio da Concellaría de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua de Lugo. Con este festival a Asociación Cultural Cántigas e Frores trata de amosar a través da música e dos bailes tradicionais as distintas culturas existentes na Península, facendo posible trasladar a outros lugares e a outros tempos ao numeroso público que ano tras ano asiste a este evento. No escenario poderase gozar non soamente as músicas e os bailes, senón tamén os traxes, o calzado, os complementos e adornos, e a través deles, a orixe e evolución histórica de cada unha das culturas que representan.
Este ano, a Asociación Cultural Cántigas e Frores convidou á “Asociación Cultural La Trébede (Valladolid)”, e a “Agrupación de Coros e Danzas Manchaverde de Argamasilla de Alba (Cidade Real)”; estos grupos ofreceranos a posibilidade de contemplar numerosos bailes tradicionais e músicas da zonas de onde proveñen. A “Asociación Cultural La Trébede (Valladolid)” foi fundada no ano 1992, desde entón levan participado en numerosos festivais internacionais, nacionais e rexionais co seu grupo de danza e de música tradicional.
O seu repertorio abarca cancións, bailes e danzas non só de Valladolid, senón tamén doutros pobos da comunidade, interpretadas cos instrumentos típicos, como dulzaina e percusión, así como polo grupo de canto. Entre eles destacan as xotas, pasacalles, entradillas, as danzas de paloteo etc… Outro aspecto da Asociación é a investigación, xunto a outros grupos e grazas á colaboración de antigos danzantes do pobo fixeron unha importante labor de recollida, recuperando pezas tan importantes como os paloteos de San Cebrián de Mazote, Pozal de Galiñas e Palacios de Campos, todos eles da provincia de Valladolid. O “Grupo de Coros e Danzas Manchaverde” de Argamasilla de Alba (Cidade Real) fundouse no ano 1942. Na década dos corenta, recompilou vellas danzas e cancións do folclore de Argamasilla transmitíndoo con toda pureza de xeración en xeración ata os nosos días, dándoo a coñecer por toda a xeografía española e ata no estranxeiro.
Na actualidade está formado por doce parellas mixtas de baile, dez compoñentes de rondalla entre guitarras, laúdes e bandurrias e dous cantaores. Está composto por mozos traballadores e estudantes de Argamasilla de Alba amantes do Folclore e que se esforzan en manter vivas as tradicións populares. No vestiario atopamos distintos traxes como o de festa, de vendima e o traxe de diario ou de verán. As danzas máis importantes e características do seu folclore son as Xotas, os Fandangos e as Seguidillas Manchegas, que nos amosarán durante a súa actuación no Festival. Nesta XIII edición do Festival de cultura Tradicional non podería faltar a participación do grupo anfitrión, a Asociación Cultural Cántigas e Frores de Lugo, que ofrecerá actuacións do seu Coro Galego, da Banda de Gaitas, do Grupo de Baile e dos Grupos de Gaitas e Pandereteiras. Ofrecerán a sua actuación dividida en varias partes, nunha primeira coa intervención do Coro Galego e o Grupo de Baile, posteriormente actuará a Banda de Gaitas e de novo os grupos de baile, gaitas e canto tradicional, amosando repertorio recollido nas 4 provincias galegas. A traxectoria deste festival, polo que pasaron en anteriores edicións agrupacións de música e baile tradicionais da práctica totalidade de rexións existentes na península, sempre foi exitosa, e como exemplos podemos destacar actuacións de grupos chegados dende lugares tan diversos como Baleares, Canarias, Andalucía, Pais Vasco, Castela León, Extremadura, Castela a Mancha, Asturias, Cantabria, Aragón, Cataluña, Murcia ou Portugal entre outras, e que ademais de amosarnos a súa cultura na nosa cidade, contribuiron tamén a dar a coñecer as nosas Festas do San Froilán en todos os seus lugares de orixe.
ASOCIACIÓN CULTURAL CÁNTIGAS E FRORES (LUGO)
Asociación Cultural creada en 1948, leva 67 anos difundindo a cultura tradicional luguesa e galega por toda a península e tamén nalgúns países de Europa e América ou Asia, entre os que destacan China, Portugal, Bélxica, Francia, Cuba, Arxentina ou Brasil. Ten máis de 300 membros, dos cales case a metade participa activamente nas escolas, grupos e bandas de música e baile. Na actualidade centra os seus esforzos nas escolas de música e baile tradicionais, nas actuacións dos grupos de coro, canto, baile e de gaitas e tamén no Curso de Música e Baile Tradicional que dende hai 33 anos celebra cada Semana Santa nesta cidade.











