A área provincial de Cultura e Turismo participa no programa de actividades do Museo do Pozo do Cachón de Muros
A área de Cultura e Turismo da Deputación da Coruña participa na programación do Museo do Pozo do Cachón de Muros, un centro de dinamización turístico e cultural do concello.
O deputado responsable da área de Cultura e Turismo da Deputación da Coruña, o nacionalista Xosé Regueira, asinou esta mañá un convenio coa alcaldesa de Muros, Mª Xosé Alfonso, polo que se compromete o decidido apoio ás actividades que se desenvolven no Museo do Pozo do Cachón.
A Deputación, segundo o convenio, aporta un total de 20.000 euros para o programa de actividades dun centro que é un dos referentes turísticos e culturais do concello. Visitas guiadas ao propio Museo ou saídas cara os muiños de Longarela, muíño de Pontella, muíño de Riomaior, muíños de vento, estacións de arte rupestre ou outros lugares de interese son algunhas das iniciativas que se desenvolven desde o muíño da marea do Pozo do Cachón, unha obra de enxeñería da segunda metade do século XIX convertida agora en Museo.
No plan de actividades no que a Deputación participa co Concello de Muros inclúse a realización de exposicións temporais que ao longo deste ano completan o plan formado por “Unha mirada subxectivas do cotián”, “Introvisións”, “O mundo do pan”, “Operación monarca”, “Áreas mariñas protexidas”, “Mostra Muradana de Artesanía” e “Cambio climático”. Unha mostra de artesanía e un obradoiro sobreo mundo do pan inclúense tamén nun convenio polo que se apoiará así mesmo a edición de materiais gráficos e audiovisual sobre o muíño, o proceso de produción do pan e as propias actividades do museo.











