A área de Medio Ambiente de Ames organiza unhas xornadas para analizar os recursos naturais e poñer en valor a riqueza ecolóxica do río Sar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

Os recursos naturais e o valor ecolóxico do río Sar serán analizados nas Xornadas Ambientais que o concello de Ames, a través da Concellaría de Medio Ambiente, desenvolverá o 24 e o 25 de outubro na casa da Cultura de Bertamiráns. Cinco conferencias, unha exposición que leva por título “O Río Animado”, unha mostra de fotografía que reflicte detalles da contaminación que soporta o río e un roteiro polo tramo da rede natura que pasa por Ames, compoñen o groso destas xornadas destinadas a todos os públicos. As persoas interesadas poden obter información dirixíndose directamente ao Departamento de Medio Ambiente do Concello de Ames, chamando ao teléfono 660004665 ou enviando un correo a auladanatureza@concellodeames.org

O sábado, 24 de outubro, ás 10:30 da mañá Antonio Rigueiro Rodríguez, Doctor Enxeñeiro de Montes, coordinador do Departamento de Producción Vexetal da Universidade de Santiago de Compostela e director da Estación científica do Courel, impartirá a charla “Biodiversidade e recursos naturais do Sar”. As 12:00 do mediodía Rogelio Pérez Moreira, Docente de Edafoloxía e Química Agrícola na USC, falará de “Xeodiversidade e solo”. “Creación e xestión de Espazos naturais” é o título da conferencia que ás 13:00 horas ofrecerá Pablo Ramil Rego, docente de Ecosistemas e biodiversidade na USC e director do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER).

Os relatorios continuarán pola tarde. Ás 17:00 horas, Paco Bañobre, Membro de ADEGA e coordinador do Proxecto Ríos falará sobre este proxecto. Ás 18:00 horas Antonio Gende, ofrecerá unha conferencia sobre “Anduriñas do Sar. Caracterización, ameazas e factores condicionantes da súa poboación”.

O domingo 25 Outubro, levarase a cabo un roteiro guiado polo río Sar. O percorrido abarca o tramo da rede natura do concello. Este tramo amosa o estado de deterioro do rio nesta zona. A ruta ensina tamén tramos que están mellor conservados onde se pode ver o potencial ambiental que estamos a perder. A saída deste roteiro está prevista para as 10:00 da mañá desde a Casa do Concello en Bertamiráns.

As xornadas complétanse con unha exposición que leva por título “O Río Animado”, unha mostra de fotografía que reflicte detalles da contaminación que soporta o río.

Para a concelleira de Medio Ambiente, Catuxa García: “Estas xornadas teñen a importancia de poñer en valor o noso patrimonio ecolóxico, analizando tanto as condicións de deterioro como o inmenso potencial que ten o noso río”. “Ademais -engade a concelleira- que os propios veciños e veciñas coñezan o estado das augas do lugar onde viven, axudará sen dúbida a concienciación que a poboación debe ter á hora de poñer os medios para evitar agresións ambientais e axudar a coidar o medio”.

Todas aquelas persoas que o desexen poden obter máis información dirixíndose directamente ao Departamento de Medio Ambiente do Concello de Ames, chamando ao teléfono 660004665 ou enviando un correo a auladanatureza@concellodeames.org

15 de outubro de 2015 | 19:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.