A alcaldesa de Lugo defende a Besteiro e rexeita crise no seu liderado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+
Europa Press

A alcaldesa de Lugo, a socialista Lara Méndez, rexeitou este luns que exista crise no liderado do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, tras os problemas en Lugo coa creación dunha comisión xestora e en Ourense coas listas para as xerais, polo que defendeu que está “consolidado”.

Preguntada sobre se había crise no liderado de Besteiro, Lara Méndez afirmou: “Eu creo que non”. “Evidentemente hai xente que o cuestiona, pero non é de agora, non é novo e aproveitará calquera circunstancia para poñelo en dúbida”, apostilou.

“Temos un secretario xeral consolidado, forte e que está preocupado nas cousas en que ten que estar preocupado que é en preparar uns comicios electorais”, sentenciou.

Sobre o sucedido en Lugo, coa formación dunha xestora que dirixe o partido tras a dimisión a pasada semana de Juan Carlos González Santín como secretario provincial, a alcaldesa manifestou que “ás veces se fala da palabra crise” con moita lixeireza”.

Así, Méndez destacou que a “xestora representa o que representa; un instrumento para que o partido teña unha canle de traballo e que poida seguir con normalidade a súa actividade para, neste momento, afrontar unhas eleccións (as xerais do 20 de decembro)”.

AFRONTAR AS ELECCIÓNS

“Vai ser á xunta xestora á que lle toque traballar para afrontar as eleccións. É unha figura transitoria ata que non se vaia a un congreso extraordinario para constituír a nova executiva provincial”, abundou.

Da nova dirección provincial espera que nesta “estea representado todo o territorio (da provincia), trátase que estea conformada por homes e mulleres de gran valía”. “Trátase de que sexa operativa, útil e ter un partido forte de cara aos próximos comicios electorais”, explicou.

Estas declaracións realizounas a alcaldesa antes de participar nos actos programados no Día Mundial contra o Cancro de Mama, onde unha afectada leu un comunicado nos soportais da casa consistorial co fin de “facer ver” a súa situación á cidadanía e que se poñan na súa “pel”.

19 de outubro de 2015 | 16:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.