2naFronteira estrea Sons de Nós

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

SONS DE NÓS é unha homenaxe musical aos poetas das Irmandades da Fala e da Revista Nós.

-Gravado en Casa de tolos por Segundo Grandío no verán de 2015.

-Distribuído por Inquedanzas Sonoras.

-Músicos colaboradores: Pablo Rodríguez (guitarra española); Carmen Gallego (Nyckelharpa e violín); Segundo Grandío (contrabaixo); César Loureiro (zanfona); Paulo Nogueira (percusión) e Leandro Deltell (batería).

-Fotografía: Eduardo Irago.

-Produción: 2naFronteira produzioni -Estrea: venres 30 de outubro no Liceo de Ourense, ás 20:30.

Nacemento de Sons de Nós

A idea de facer un traballo con poemas da revista Nós xurde xa na estrea de Zapatiños para Díaz Castro (2014) en Ourense. A Asociación ProCentenario Nós 2020, presente no acto, mostrou o seu interese nas cancións que fixera o dúo con poemas de Otero Pedrayo e suxeriulles musicar poemas da revista Nós. Ese mesmo verán puxéronse mans á obra e descubriron unha forte afinidade ideolóxica e estética coa revista: cosmopolita pero fortemente arraigada na terra e na tradición e cunha forte vocación de poñer a cultura galega no mundo. Un ecelcticismo e variedade que non é para nada allea é estilo de 2naFronteira.

Poetas musicados no disco

No disco Sons de Nós non está só representada a cidade de Ourense. Os poetas das nosas letras musicados son varios como Eduardo Blanco Amor, Otero Pedrayo, Xosé Velo, Francisca Herrera, Bouza Brey e F.L.Bernárdez. Foron moitos os temas que, por falta de espazo, tiveron que quedar fóra deste disco, xa que co material recollido e traballo levado a cabo podería chegar a publicarse un doble CD. Maurizio e Carmen, os 2naFronteira, esperan poder recollelo nun segundo disco, baixo o nome de Nós, seguramente no 2020, ano especialmente simbólico porque nel se conmemora o centenario da revista.

Características do disco

Sons de Nós está cheo dunha enerxía alegre e vital, e tamén hai ao lado de temas que transmiten estes sentimentos, algunhas cancións máis suaves e sensuais. A intensidade do disco recae nunha canción particular cargada dunha grande emotividade ao estar interpretada “a cappella” por Carmen cun poema de Francisca Herrera, a única muller que colaborou con poemas na Revista Nós. A influenza da revista foi tan importante, que mesmo na gráfica e na fotografía se fai referencia aos anos 20 e a elementos gráficos propios da publicación.

Este é sen dúbida, o traballo máis maduro de 2naFronteira, moi libre e ecléctico nos seus estilos, como é xa habitual neste dúo: recoñécense influencias do jazz, populares galegas, do lied europeo… Un ecelecticismo que os fai ás veces difíciles de clasificar pero que os converte nunha das propostas máis interesantes e de calidade do panorama da música actual galega.

Futuros traballos

O dúo xa comezou a traballar nos proxectos do 2016: cancións con poemas de Pepe Velo, e Carmen está iniciando un traballo moi vencellado á memoria histórica e ao papel das mulleres na guerra, con numerosos colaboradores. Un traballo coral que quere dar protagonismo ás mulleres na Guerra Civil pero que, ao mesmo tempo, tamén quere ser universal.

15 de outubro de 2015 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.