Xunta e Concello de Santiago fixan unha folla de ruta común para o éxito do Womex 2016

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Román Rodríguez na reunión co alcalde de Santiago. Foto: A. Varela

Román Rodríguez na reunión co alcalde de Santiago. Foto: A. Varela

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega mantiveron esta mañá unha reunión para fixar unha folla de ruta común a través da que desenvolver a colaboración institucional na organización do WOMEX 2016 e da presenza da capital na Feira do Libro de Bos Aires (abril-maio de 2016) como cidade convidada.

No marco deste encontro decidiuse que o traballo se coordinará a través de dúas comisións bilaterais – a do WOMEX xa constituída-, nas que se perfilarán ao longo dos vindeiros meses os aspectos máis concretos de cada un destes eventos. En calquera caso, o conselleiro xa lle adiantou ao alcalde que se lle cederá ao Concello un espazo propio dentro do stand de Galicia na Feira do Libro da capital arxentina. No referido a este evento, o conselleiro lembrou que o seu departamento xa asinou un convenio coa Fundación El Libro para a participación galega, aínda que salientou a idoneidade de estruturar un programa conxunto co Concello para esta feira.

Ambos os mandatarios sinalaron, ao remate da reunión, a importancia da feira porteña e do WOMEX tanto para Santiago de Compostela como para o conxunto de Galicia; tanto no referido ao impacto económico como no de impulsar a maior visibilidade para o sector cultural galego participante en ambas as dúas citas.

17 de setembro de 2015 | 17:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.