Xulio Ferreiro reúnese co portavoz municipal do PSOE

Xulio Ferreiro na reunión con José Manuel Dapena
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, mantivo un encontro esta tarde co portavoz do grupo municipal do PSOE, José Manuel Dapena. Esta foi a primeira das reunións de carácter bilateral que o rexedor coruñés ten a intención de levar a cabo con todas as formacións con representación no Concello de cara ao inicio do novo curso político e a preparar o próximo Pleno municipal, que se celebrará este luns.
A reunión con Dapena desenvolveuse, segundo o alcalde, nun clima de “boa sintonía” e con “proximidade en bastantes asuntos”. Ferreiro fíxolle chegar as iniciativas que o Goberno local presentará no próximo Pleno, e coas que espera obter o apoio de todas as forzas políticas. Unha pasa por solicitar ao Porto o traspaso da titularidade dos terreos da Mariña e a Avenida de Montouto, mentres que na segunda se demanda a inclusión de emendas nos orzamentos xerais do Estado para que se atendan os investimentos máis necesarios na cidade.
As reunións bilaterais continuarán mañá, cunha xuntanza entre o alcalde e a voceira do BNG, Avia Veira, e o xoves, coa reunión co portavoz do PP, Carlos Negreira, a falta de confirmación pola súa parte.











