Xulio Ferreiro asegura que o seu Goberno deixará un camiño feito que xa non poderá ser borrado nunca no mapa da democracia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Teatro Rosalía encheuse este xoves nun encontro no que a Concellería de Participación e Innovación Democrática deu a coñecer as liñas básicas do seu departamento para este mandato e, nomeadamente, ‘A Porta Aberta’, o nome común aos numerosos procesos participativos que se abrirán e que servirán para que “toda a cidadanía poida participar na toma de decisións municipais”.

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, abriu o acto manifestando que as novas políticas participativas que porá en marcha o Concello son “un xeito de desafiar as gobernanzas no que a toma de decisións se refire”. O rexedor cualificou esta xornada de “histórica” polo seu valor simbólico, “igual que a do pasado luns, cando oito veciños e veciñas participaron, por vez primeira, no Pleno municipal, no escano cidadán, e puideron facer as súas preguntas e achegas”. “Temos algo claro: goberne quen goberne, a nosa intención é deixar un camiño feito que xa non poderá ser borrado do mapa da democracia”. 

Ferreiro declarou que gracias ás novas políticas de participación que buscan que a cidadanía coopere e exprese a súa opinión nos grandes temas do municipio, “tanto o Concello como a veciñanza escribiremos, man a man, un manual de instrucións”. “Cumprimos hoxe un compromiso, abrir as portas e poñer o bastón de mando nas mans da xente. Abrir un tempo novo”, proclamou. “A Concellería de Participación ten que estar presente en todas as accións de Goberno, para que a cidadanía poida decidir nos grandes asuntos: como quere que sexa a súa cidade, como quere que sexan os seus barrios, os orzamentos do seu concello, as súas infraestruturas…Imos poñer o libro e as follas para escribrir o novo manual entre todos e todas”, indicou.

Nese sentido, a concelleira de Participación, Claudia Delso, avogou pola participación como o mecanismo para “tomar mellor as decisións que afectan á cidade e que nos afectan” e marcou como reto atopar mecanismos “estables e efectivos”. “Unha cidade construída entre todas e todos será unha cidade máis xusta e máis inclusiva”, sinalou Delso, quen cualificou seu departamento como unha “concellería canal” onde propoñer retos para a cidade.

Como explicou, a concellería traballará para mellorar espazos que xa existen, como a atención á cidadanía ou a área de mocidade, pero tamén desenvolverá proxectos novos e “ambiciosos”, como o laboratorio de innovación cidadá ou os procesos participativos, o que se denomina “A Porta Aberta”, e que se porán en marcha co primeiro proceso, relativo á organización da cidade por distritos, a semana vindeira. “Os procesos participativos son unha das raíces desta concellería, mecanismos para que a xente participe de forma normalizada nos asuntos relevantes”, subliñou a concelleira, que salientou que cada proceso será diferente porque estarán adaptados e abertos a todos e todas. Tamén, a aquelas persoas en situación de “brecha” social, económica, dixital ou doutro tipo, ou ás que precisan conciliación. “Esas persoas tamén temos dereito a participar, e tamén a elas queremos chegar”, fixo notar a responsable municipal, quen aproveitou para presentar o sitio web de ‘A Porta Aberta’ www.coruna.es/aportaaberta , onde se poderá tomar parte dos procesos participativos sen necesidade de asistir aos encontros de forma presencial.

Delso marcou as fases deste primeiro proceso para delimitar os distritos da cidade, co compromiso de “ter en conta o resultado á hora de tomar a decisión estratéxica”, e recalcou a importancia desta decisión: “Serán o primeiro paso para establecer entre todas e todos lugares de referencia nos que poder participar de forma permanente nas decisións da cidade, e, nomeadamente, o feito de ter a cidade en distritos nos vai permitir establecer de xeito estable, regulado e normalizado os Orzamentos Participativos”.

O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, tamén participou neste acto, explicando a importancia da organización da cidade en distritos. “Deben ser una unidade de relación entre a cidadanía e o Concello. Non sabemos o que a cidade vai decidir, por iso é tan importante este proceso. Temos que definir a alma que entre todos queremos para a cidade”. Como encontro participativo, a cidadanía tamén foi un actor fundamental do acto do Teatro Rosalía.

Unha quincena de asistentes achegaron as súas ideas e dúbidas ao alcalde e aos concelleiros. Entre os temas que se trataron estivo o do papel da universidade e o centros cívicos nestes procesos, a inclusión das persoas que residen na cidade pero non son veciños e veciñas ou a posibilidade de trasladar estes debates ao centros de ensino.

17 de setembro de 2015 | 20:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.