Xulio Ferreiro asegura que das 25 medidas que comprometeu o seu Goberno, a metade xa se cumpriron

Intervención de Xulio Ferreiro
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, fixo este martes un balance dos primeiros 100 días de Goberno nun acto no Hotel Finisterre organizado por Nueva Economía Fórum . O rexedor recordou que en campaña, o grupo que sustenta o Executivo coruñés confeccionou un programa “realista e asumible” composto por 99 medidas, das cales 25 activaríanse nos primeiros 100 días de mandato. “Máis da metade dos compromisos están xa cumpridos e outros están en marcha, a piques de estalo”, indicou, á vez que manifestou que “unha das grandes conquistas que introduciu o novo tempo político que se abriu na cidade é precisamente que hoxe estamos aquí, avaliando o cumprimento do programa”. “Sabemos que temos a confianza da maioría social, pero tamén sabemos que as cousas non se cambian nun día, o rumbo do Prestige non se cambia nun día; a metáfora non é inocente, aquí, como no Prestige cada decisión conta”, engadiu.
Ferreiro recordou que o seu Goberno propuxo un “contrato, un código ético á cidadanía, que di que se incumprimos de forma reiterada e sen xustificación o programa electoral, a xente poderá botarnos, de maneira tan sinxela, como nos votou no proceso de primarias que abrimos”. “Pese a quen lle pese temos palabra, e cremos que se viu dende o primeiro día, cunha das nosas primeiras decisións, que foi a de separar a institución civil da relixión”, explicou o alcalde, que tamén citou entre os compromisos cumpridos nesta primeira etapa de Goberno a activación do escano cidadán no Pleno do Concello da Coruña, así como a posta en marcha de numerosas medidas de “transparencia”, como a publicación da declaración de bens e IRPF dos membros do Goberno municipal e a limitación salarial do Executivo. “Cando falamos de novas formas de facer política, estamos a referirnos a isto, a ofrecer unha lupa para que todos e todas poidan analizar o noso traballo”, indicou, á vez que enumerou outros compromisos acadados, como o de facilitar “a presenza da oposición nas mesas de contratación, órganos colexiados de mesmo na Xunta de Goberno local”.
“Tamén estamos a levar a cabo un control das concesións municipais que xa tivo resultados, como a recolocación dos traballadores despedidos pola empresa que leva o mantemento da rede semafórica da cidade”, indicou Ferreiro. A revisión das licenzas das obras da Mariña, para asegurar a súa legalidade, o fin do apoio público ás touradas, a posta en marcha dun proceso participativo coa cidadanía para reorganizar a cidade en distritos, a paralización dos desafiuzamentos de entidades bancarias ou o fomento do pequeno comercio son outras das medidas ás que se referiu o alcalde. “A revisión dos acordos de Someso, a solicitude ao Estado da cesión dos terreos da Mariña, ou abordar o tema, directamente con Fomento, da reordenación da fachada marítima da Coruña, ademais de poñer en marcha medidas medioambientais e de mobilidade, como as de control de talas, ou o relanzamento do carrilbici”, expuxo tamén.
Por outro lado, o rexedor coruñés tamén repasou os compromisos do Goberno municipal que, a piques de cumprirse os primeiros 100 días de mandato, están xa impulsados e “a piques de ser cumpridos”. “O vindeiro luns convocaremos a todos os axentes sociais para trasladarlles a nova proposta de Plan de Emprego, mentres que a Renda Social Municipal está xa en mans de Intervención e da Asesoría Xurídica e xa foi contrastada coas traballadoras sociais do Concello”, dixo, á vez que anunciou que a previsión é que nunhas dúas semanas o borrador desta medida poida ser remitida aos grupos da oposición para que realicen as súas achegas.
“Elaboramos xa un primeiro borrador do Plan para a Erradicación dos Asentamentos Precarios, pero os primeiros en coñecelo serán os veciños e veciñas destes asentamentos, cando asinemos un contrato de responsabilidade compartida”, dixo Ferreiro, que tamén informou de que as ordenanzas fiscais e futuras rebaixas están sendo informadas pola oficina tributaria.
Neste balance da primeira etapa de Goberno, Ferreiro destacou a importancia de “poñer á Coruña no mapa”. “Se ao final deste mandato non fomos capaces de renovar xuntos a esta cidade, a veciñanza pedirá explicacións, pero non só a nós, senón a todos os axentes implicados”, explicou, á vez que pediu tanto a oposición, como ao resto de institucións, nomeadamente á Xunta e ao Goberno central, “colaboración leal”. “Hai que actuar non en base a criterios partidistas, senón pensando sempre no ben de veciños e veciñas”, insistiu. “A Coruña debe converterse nun referente político, económico e social nos próximos anos. Como no Prestige , cada decisión conta. É o momento de tomar as decisións que redefinan o rumbo desta cidade, de conseguir unha que mereza ser vivida por todos e por todas”, proclamou o alcalde coruñés.
A este respecto, Ferreiro salientou unha serie de temas fundamentais para o desenvolvemento do municipio, que precisan da colaboración de todos e todas. “Temos que definir como queremos que sexa esta cidade, se queremos que A Vedra sexa unha avenida urbana, se queremos recuperar a fachada marítima da Coruña como algo propio ou se pola conta o que queremos nese terreo son máis aproveitamentos urbanísticos dentro dun municipio que aínda conta con 20.000 vivendas baleiras”, explicou. “A Coruña debe converterse nun referente en innovación, e debe ser tamén unha cidade refuxio, non só para aqueles que están sendo obrigados a marchar do seu territorio e viven un auténtico calvario nos límites de Europa, senón tamén para todos os veciños e veciñas. Non poderemos estar contentos se unha parte da cidadanía non ten todas as súas necesidades atendidas”, explicou. O primeiro edil coruñés tamén indicou que un dos retos da cidade é ter unha maior vocación metropolitana “non só para os servizos”, así como “aproveitar as potencialidades da cidade, e especialmente a súa universidade, para xerar máis emprego”. “Non podemos crear emprego abaratando, devaluando as condicións de traballo dos veciños e veciñas, senón explotando as potencialidades da cidade”, argumentou.











