Xornadas de divulgación na Copa de Ermelo de Orientación
O Club Montañeiros de Pontevedra- A Roelo organiza a Copa Concello de Bueu no marco da IV Liga Aromon Chema-Sport 4ª Carreira de orientación. O lugar de encontro será Ermelo ás 10 horas de mañá sábado. Entre as 10.30 e as 12 horas sairán os primeiros corredores, pechándose a meta ás 13 horas e a entrega de premios ás 13.30.
Os participantes deberán visitar en orde todos os controis sinalados no mapa coa axuda dunha única brúxula. O gañador será aquel corredor/a que complete o percorrido especificado sen erros e no menor tempo.
Desde a Concellería de Deportes, dirixida por Manolo Otero, destacan a combinación perfecta entre o deporte e o medio ambiente, xa que o deporte de orientación permite observar o entorno ao tempo que se fai exercicio físico. Polo tanto, algo no que tamén coincide a organización, animan a todos os cidadáns a coñecer esta disciplina e a anotarse nesta proba que vai destinada a darse a coñecer, e achegando o deporte da orientación entre os máis novos. Ademais, Félix Juncal, alcalde de Bueu, destacou na rolda de prensa do pasado luns a idea de que “Bueu segue crecendo en valores culturais”, e que as novas xeracións están collendo o temón.
Soamente poderán optar a Copa do Concello de Bueu aqueles corredores que realicen o seu percorrido sen axuda externa.











