publicidade hoxe

Xornada de portas abertas na nova escola infantil de Malpica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMalpica de Bergantiños
A-
A+

O equipo docente da nova escola infantil de Malpica estivo a traballar nas últimas semanas nos detalles finais, ademais de realizar as entrevistas individuais coas familias que se anotaron no segundo prazo. Pero xa está todo listo para que o edificio construído en Aldeola grazas á colaboración da Consellería de Traballo e Benestar e o Concello de Malpica de Bergantiños empece a funcionar. Mañá martes haberá unha xornada de portas abertas para que tanto as familias como o resto da veciñanza poidan coñecer as flamantes instalacións. O horario de visitas será de 10.30 a 13.00 e de 16.30 a 17.30.

Máis de vinte familias do municipio disporán este curso dun novo servizo que contribuirá á conciliación da vida laboral e familiar. A escola infantil foi construída pola empresa Atlántica de Construcción y Medio Ambiente cun orzamento de 354.175 euros e está integrada na rede autonómica Galiña Azul. O servizo conta con tres unidades, que poden dar cabida a 41 nenos e nenas de cero a tres anos de idade. O novo edificio ten dúas plantas. Na baixa están as aulas, un espazo de usos múltiples, cociña e aseo; mentres que na planta alta emprazaranse a sala de profesores, o despacho de dirección e unha zona de xogos.

14 de setembro de 2015 | 19:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.