Xa están dispoñibles para recoller no Concello os bonos das axudas complementarias ao estudo
O departamento municipal de Servizos Sociais anunciou que dende mañá estarán dispoñibles no concello os vales canxeables por material escolar e deportivo concedidos aos beneficiarios das bolsas complementarias ao estudo do curso 2015/2016. Os beneficiarios poderán recollelos na oficina municipal de Servizos Sociais trasladada recentemente ao segundo andar do Castro Tecnolóxico.
Este ano as familias tiveron a oportunidade de acceder a dous tipos de bonos: un no que a súa cantidade se destine integramente ou ben a material escolar ou ben a deportivo e outro no que o seu valor se divide ao 50% entre os dous tipos de produto. Esta última opción foi a máis escollida polos demandante. Cada beneficiario recibirá na súa bonificación a cantidade de 100 euros, independentemente da etapa educativa na que se atope.
O Concello destinou ás bolsas complementarias ao estudo 18.000 euros e foron recibidas máis de 300 solicitudes. Os adxudicatarios das bolsas deberán achegarse ás librerías e tendas de deportes lalinenses a trocar os seus vales. Unha vez efectuadas as transaccións, os establecementos pasaranlle as facturas ao Concello para serlle aboadas.











