Visitas guiadas ás mámoas de Castiñeiras
O alcalde de Bueu, Félix Juncal Novas, visitou hoxe as obras de escavación das mámoas de Castiñeiras, na que aproveitou para tratar diversos temas de interese sobre a obra. Así, desde o luns ao venres da vindeira semana están pensadas visitas guiadas para todos os cidadáns e cidadás que o desexen. O horario de atención será de 17 a 18 horas. Ademais, o Concello contactará a vindeira semana cos centros escolares para propoñerlles visitas guiadas para grupos de alumnos. A rehabilitación destas dúas mámoas estase levando a cabo por parte da Dirección Xeral de Patrimonio, cun orzamento de 17.000 no que tamén se conta con fondos FEDER, e consiste nunha limpeza de toda a vexetación e a recuperación do estado orixinal dos túmulos, para que as persoas poidan visitalo nas mellores condicións.
Agárdase que o traballo de campo estea rematado na semana que vén, e o peche e a colocación dos paneis interpretativos a finais de outubro. Segundo trataron Félix Juncal e o arqueólogo director, Juan Castro, vaise celebrar unha charla no Museo Massó cara a mediados de outubro da que se irá informando nas vindeiras semanas. O obxectivo desta charla é presentar as mámoas e achegalas á cidadanía, potenciando tamén que vaian visitar este monumento da época megalítica.











