Visita a Zobra dos edís de Rural e Medio Ambiente

Baleirado en Vilatuxe
O concelleiro de Rural, Miguel Medela, e a concelleira de Medio Ambiente, Celia Alonso, visitaron esta mañá a parroquia de Zobra para analizar, entre outras cuestións, os lugares máis apropiados para a instalación da depuradora ecolóxica que dará servizo ao futuro sistema de saneamento da parroquia. O presidente da Comunidade de Montes, Agustín Zalabeite, acompañou aos dous concelleiros no percorrido, que tivo lugar un día despois de que Alonso e o alcalde, Rafael Cuíña, visitasen na Cañiza un sistema de depuradoras que, mediante o emprego de lodos e plantas, alcanzan un elevado nivel de depuración das augas residuais. Así mesmo, realizaron unha ruta polo entorno da localidade, en plana Serra do Candán, visitando diferentes espazos naturais de alto valor ambiental e patrimonial, co obxectivo de determinar actuacións e posibles procedementos para a súa conservación. Celia Alonso destacou o “infinito valor do conxunto natural” e explicou que dende o departamento de Medio Ambiente se comezará a traballar para obter axudas coas que sufragar proxectos de recuperación e posta en valor dos citados enclaves.
Por outra banda, Medela e Alonso acudiron esta mañá á praia fluvial do Pozo do Boi, na parroquia de Vilatuxe, para supervisar o proceso de apertura das comportas do estanque de baño. O obxectivo é que o río regrese á súa canle natural na época de chuvias e evitar así posibles desbordamentos ou inundacións.











