Vilagarcía volve a conxurar ás meigas nunha noite na que se repartirán 3.000 rosquillas e 600 litros de queimada
Coa mellor predición meteorolóxica posible, Vilagarcía celebra mañá a Noite das Meigas, unha celebración na que Concello e dez asociacións culturais e veciñais agasallan a veciños e visitantes cunha noite de animación e alegría na que se repartirán 600 litros de queimada, 3.000 rosquillas e toda unha ampla carta de tapas doces e salgadas nos dez poboados meigos que se montarán para ocasión no centro da cidade. A festa será o sábado, 5 de setembro, a partir das 22:00 horas.
Meigas, magos, trasnos, druídas e seres máxicos de toda índole regresan mañá, sábado, a Vilagarcía para celebrar a tradicional Noite das Meigas coa que se despide a programación festiva do verán, nesta ocasión una semana máis tarde do previsto debido ao aprazamento do Combate Naval por culpa da chuvia.
Nesta duodécima edición, A Festa das meigas conta con dúas novidades. A primeira é a participación das asociacións O Souto, de Rubiáns e Xeada de Cornazo, que se suman ao evento participando por vez primeira na montaxe de sendos poboados meigos. Xunto a elas estarán Malveiras, A Cantarela. O Noso Lar, Fontefría Zona Aberta, Nós, Remolóns e La Junquera Protección Civil.
Unhas 150 persoas destes colectivos formarán o atrezzo dos dez poboados meigos que se establecerán na Alameda, na Baldosa, Juan García, Praza de Galicia, Praza de España, Castor Sánchez, Rey Davila, Castelao e Covadonga.
O Concello encárgase da montaxe dos poboados e da loxística necesaria para que a ambientación estea a punto á tardiña. A Concellería de Cultura aporta os 600 litros de caña, o azucra, laranxas e café necesarios para elaborar a tradicional queimada que todos os poboados servirán de balde a partir da media noite. Tamén por deferencia de Cultura repartiranse 10.000 rosquillas entre os asistentes.
As asociacións,a demais de ambientar os poboados e de encargarse da elaboración da queimada e da ambientación musical cos seus respectivos grupos ou con megafonía, tamén agasallarán ás persoas que pasen pola festa ofrecendo unha tapa cada colectivo.Tamén de balde, os asistentes a Noite das meigas poderán degustar dende entrantes como empanada, tortilla ou chourizos ao viño a pinchos máis contundentes como de calos ou fabada. E por suposto, non faltarán nin sobremesas (haberá larpeira, torta de mazá e biscoito de chocolate) ata o dixestivo chupito de licor café.
Coa caída do sol, bruxas, sapos e curuxas tomarán o centro de Vilagarcía para celebrar ó aquelarre máis esperado do ano: o da Noite das Meigas. Os poboados prenderán a música e abrirán as súas portas a partir das 22:00 horas co obxectivo de ir caldeando o ambiente e iniciar os preparativos da queimada.
A Praza do castro acollerá tamén a partir das 22:00 horas unha representación especial a cargo dos alumnos que participaron no curso de teatro de rúa organizado por Clámide no Auditorio durante o verán e que, con esta “sorpresa” colaboran coa Noite das Meigas ofrecendo un atractivo máis á vez que realizan a práctica final do acción formativa.
Xa enfilando a medioanoite, a Praza de Galicia centralizará os actos coa lectura do conxuro da queimada e coa queima da bruxa, tras o cal comezarase a servir o brevaxe máxico da queimada entre todos os asistentes.











