Vigo non poderá presentar en Hamburgo a súa segunda terminal de cruceiros
Un ano máis, o Porto de Vigo estará presente na ‘Seatrade Europe Cruise Shipping Convention’, que terá lugar en Hamburgo (Alemaña) desde mañá mércores e até o vindeiro venres, día 11 de setembro. Segundo informou en rolda de prensa o Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chaves, a institución que preside terá presenza institucional até en tres casetas: o de Portos do Estado, cunha caseta xenérica e común para os portos españois, así como os de Atlantic Alliance, proxecto de mercadotecnia exclusiva ao que Vigo pertence con outros 15 portos europeos do centro e do Oeste de Europa, e de Cruise Europe, entidade que agrupa a máis de 100 portos do Norte, Centro e Oeste de Europa.
As casetas da Autoridade Portuaria serán tamén utilizados polos axentes de buques e polos operadores de turismo máis habituais de Vigo. Ademais, Vigo participará nos actos oficiais que organizará Atlantic Alliance. Tamén destacan as actividades da potente agrupación de portos europeos Cruise Europe, que celebrará reunións de dirección nas que a Autoridade Portuaria participará activamente, ao estar integrado no seu ‘Council’, así como varios eventos sociais para facer ‘networking’.
Non haberá promoción da 2ª terminal
En Hamburgo, a Autoridade Portuaria de Vigo manterá unha apertada axenda de reunións coas navieras máis importantes a nivel mundial, onde a delegación viguesa, encabezada polo seu Presidente, presentará as infraestruturas do Porto olívico dedicadas ao tráfico de cruceiros, nas que, nos últimos anos, se investiron ao redor de 10 millóns de euros.
Con todo, tal e como adiantou o máximo responsable portuario, e a pesar de que se trata dunha oportunidade idónea para iso, ‘Vigo non poderá presentar a súa segunda Terminal de cruceiros. Non vai ser posible porque o Goberno de Abel Caballero non a quere en Vigo’, lamentou.
Segundo lembrou, a institución que preside limitouse a seguir os ditames dos servizos xurídicos do Concello de Vigo e do propio Goberno municipal. ‘Fai catro anos dicían unha cousa e agora outra’, lembrou, en referencia á aprobación do Plan de Usos e a modificación parcial do Plan Especial do Porto esixida desde o Concello no ano 2010 como condición para executar as obras previstas nas antigas naves da froita.
‘Dubido moito que o Alcalde do Porto se opuxese nalgún momento á Terminal de Leixoes. Sen embargo, en Vigo, a algúns parece que lles moleste o tráfico de cruceiros’, denunciou. ‘Non poderemos presentar en Hamburgo a nosa segunda Terminal de cruceiros tal e como tiñamos planificado. Presentaremos o Porto e as bonificacións a este tráfico, pero o noso proxecto estrela -en referencia a esta segunda Terminal- non vai ser posible, mentres que O Porto, si presentará a súau Terminal’. Pola contra, asegurou, en Vigo ‘non nos deixan seguir investindo’. ‘Esperamos que recapaciten, xa que estamos a facer o que nos dixeron que fixésemos fai catro anos’.
O mellor mes de setembro da historia do Porto
Por outra banda, López-Chaves referiuse aos ‘excelentes’ datos rexistrados polo Porto de Vigo en canto a este tráfico. Así, segundo asegurou, será ‘o mellor mes de setembro da historia do porto’ ao recibir a, aproximadamente, 75.000 persoas que chegarán á cidade por mar. Do total de turistas que nos visitarán ao longo deste mes, o 90% serán estranxeiros, o que converte á dársena viguesa en ‘porta de entrada do turismo internacional’.
Pero os datos que manexa a Autoridade Portuaria para este mes, fan presaxiar, ademais, que nun só mes, chegarán máis visitantes a Vigo que en todo o ano 1999, 1998, 1997, ‘mesmo máis que en todo 2001’, destacou López-Chaves. ‘Chegarán máis cruceristas a Vigo por mar nun só mes que en cinco anos’.
Esta chegada masiva de visitantes, terá tamén unha clara repercusión económica. De acordo cun estudo elaborado pola Universidade de Vigo, as preto de 75.000 persoas que nos visitarán ao longo deste mes, gastaranse na cidade ao redor de 4,4 millóns de euros.
Así mesmo, López-Chaves apuntou que, nos últimos cinco anos, o Porto de Vigo recibiu a visita de 1,5 millóns de turistas, dos que, preto do 96% son estranxeiros, o que supón, aproximadamente, 84 millóns de euros de gasto.
‘É incontestable que este sector é bo para a cidade de Vigo que, un ano máis, continúa sendo líder en tráfico de pasaxeiros de cruceiro en todo o noroeste peninsular, polo que non entendo o boicot á segunda Terminal por parte do Goberno de Abel Caballero’, concluíu.











