Valentín González destaca os 60 anos de compromiso coa formación do IES Calvo Sotelo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta mañá no acto oficial de apertura do curso escolar 2015-2016 no IES Calvo Sotelo, xunto ao director do centro, Genaro García, e ao profesor Ángel Carracedo, un dos científicos galegos con maior proxección internacional, que foi o encargado de impartir a lección inaugural.

González Formoso lembrou que o presente curso académico “vai a ser moi especial porque o Calvo Sotelo cumprirá 60 anos de historia, 60 anos de compromiso coa formación dos xóvenes da provincia” e fixo un repaso á historia deste centro de titularidade provincial, “que foi a casa de moitos alumnos de todos os recunchos da provincia nos tempos nos que o acceso a unha formación de calidade era case imposible para moitas familias”.

“Naqueles anos difíciles, o centro desenvolveu unha gran labor social ofrecendo residencia e formación a moitas xeracións de mozos coruñeses, o que lles permitiu sentar as bases do seu futuro laboral”, afirmou González Formoso, que lembrou que co paso dos anos e a mellora das condicións socioeconómicas do país, o Calvo Sotelo “foi deixando o seu aspecto residencial e converténdose no que é hoxe en día: un centro de referencia para a formación profesional na provincia”.

Neste sentido, apuntou que no centro formaranse este curso un total de 330 alumnos en 3 módulos de formación profesional básica, 6 ciclos formativos de grao medio e un ciclo superior de Mecatrónica Industrial, que se impartirá este ano por primeira vez. Ademáis, lembrou que a Deputación da Coruña ten asinado convenios con 52 empresas para que o alumnado do centro poda realizar prácticas “que lles axuden a mellorar as súas destrezas profesionais e faciliten a súa inserción laboral ao remate dos estudos” e ofrece becas para que podan formarse en empresas doutros países da Unión Europea.

Residencia universitaria

“Como vedes, as cousas teñen cambiado moito nestes 60 anos de historia do Calvo Sotelo e aspiramos a que sigan cambiando e mellorando. Por iso, o Goberno provincial que presido ten a intención de habilitar o espazo residencial dispoñible neste centro para convertelo, en colaboración coa Universidade da Coruña, nunha residencia pública para estudantes”, afirmou González Formoso, que subliñou que espera que este proxecto “ambicioso e longamente demandado” sexa unha realidade no vindeiro curso académico.

“Esta iniciativa contribuirá a pór, unha vez máis, ao centro Calvo Sotelo a disposición da sociedade coruñesa”, apuntou o presidente provincial, que instou aos novos alumnos a “non perder a ilusión deste primeiro día” e a “sacar o máximo rendemento dos vosos estudos, como antes fixeron as numerosas promocións de alumnos que se formaron nestas aulas”.

Lección inaugural do profesor Ángel Carracedo

Tras a entrega dos diplomas aos alumnos e alumnas con mellores expedientes académicos do pasado curso escolar, o doutor Ángel Carracedo foi o encargado de impartir a clase inaugural, que versou sobre a “Revolución xenómica”.

Carracedo, doutor en Medicina e catedrático de Medicina Legal da USC, é un dos científicos máis relevantes de Galicia e o de maior proxección internacional, pois dirixe un grupo de investigación multidisciplinar que é líder mundial en xenética forense, integrado por unhas 100 persoas de 15 países diferentes.

Ante un auditorio cheo de xente moza, o profesor Carracedo explicou algúns dos secretos da evolución humana, a xenética e as enfermidades relacionadas con este campo médico, así como as liñas principais de investigación do seu traballo

15 de setembro de 2015 | 16:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.