Valentín García reúnese con empresarios da CEO para avanzar no Plan de dinamización da lingua galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, mantivo esta tarde un encontro de traballo con membros da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) centrado no Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015/2020 que está a elaborar a Xunta de Galicia. Este documento -que impulsa o departamento educativo da Xunta de Galicia- busca incrementar a presenza do idioma propio de Galicia nas relacións empresariais e comerciais, un ámbito de influencia e prestixio, e que isto sirva de efecto multiplicador no resto da sociedade.

A representación institucional congregou na sede da CEO a Jaime Pereiro, o secretario xeral da entidade, e a varios representantes das empresas asociadas, así como ao delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez. A xuntanza enmárcase na rolda de consultas que se están levando a cabo con axentes estratéxicos na galeguización do tecido económico galego e que xa incluíu contactos previos co Foro Enrique Peinador, coas cámaras de comercio, coa Federación Galega de Parques Empresariais (FEGAPE) e coa Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre, entroutros.

O documento inicial deste plan de dinamización xa lle foi remitido a un bo número de entidades vinculadas ao tecido socioeconómico tendo en conta a diversidade de áreas de especialización existentes. Nesta fase, a Consellería pretende incorporar o máximo número de achegas posibles desde todos os ámbitos sociais. Xa son 25 as entidades que propuxeron as súas propostas neste período previo á aprobación do Plan, prevista para finais de ano.

Valor engadido da lingua galega

No espírito do que será o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015/2010, que a Xunta prevé aprobar a finais de ano, o idioma propio de Galicia preséntase como un valor engadido no ámbito empresarial, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras. Un dos aspectos principais é que a lingua galega, ademais de ser un valor como denominación de orixe e de implicar un plus de confianza, calidade e proximidade nos consumidores, fai posible a vía da comunicación internacional en mercados emerxentes do mundo lusófono, como o brasileiro ou o angolano, o que pode redundar nun beneficio en canto a resultados económicos se refire.

Para reforzar esta idea, a Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña “Exportar en galego” que está a dar moi bos resultados á hora de que os responsables das empresas descubran e intensifiquen as oportunidades dos países da Lusofonía con máis de 250 millóns de falantes e con algunhas das economías máis emerxentes do mundo. Trátase, por tanto, de crear conciencia de que o uso do idioma galego favorece os resultados e obxectivos empresariais, así como as relacións laborais, comerciais e bancarias.

Máis de 70 actuacións

O documento establece cinco áreas de traballo principais que son a industria, o traballo, o cooperativismo, a banca e o comercio. A elas engádenselle outras como a hostalería e a restauración, a industria alimentaria, as axencias de publicidade e entidades intermedias tales como xestorías, asesorías ou despachos de avogados. Dada a natureza da área, poranse en marcha máis de 70 actuacións, algunhas de carácter transversal e outras orientadas a un campo económico en concreto.

O obxectivo común a todas elas pasa por reforzar e aumentar a presenza do galego neste sector, non só para ampliar os lazos comerciais das empresas galegas, senón tamén para xerar un efecto multiplicador no resto da sociedade tendo en conta o importante papel que xogan as empresas á hora de fixar comportamentos.

24 de setembro de 2015 | 20:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.